Támara Echegoyen queda sen medalla

Cerdedo-Cotobade
18 de agosto 2016

Cruel final para Támara Echegoyen e Berta Betanzos. Encaraban a Medal Race na clase 49er FX como líderes pero unha difícil regata relegounas á cuarta posición, fóra do podio e por tanto sen a recompensa da que tería sido a súa segunda medalla olímpica

Támara Echegoyen e Berta Betanzos durante a Medal Race dos Xogos Olímpicos de Río RTVE

Chegaban como líderes á última xornada de competición na clase 49er Fx de vela, pero Támara Echegoyen e Berta Betanzos non conseguiron aguantar a súa posición de privilexio tras a definitiva Medal Race.

A clasificación estaba igualada ao máximo, coas brasileiras Martine Grale e Kahena Kunze e as danesas Jena Hanse e Katka Steen Salskov-Iversen empatadas a puntos na segunda e terceira posición e as neozelandesas Alex Maloney e Molly Meech na cuarta a un só punto.

A embarcación destas catro que finalizase por diante do resto levaba o ouro, e as mellores foron as brasileiras.

Támara e Berta empezaron xa con problemas, cun incidente coa tripulación británica que as atrasou na saída, e a pesar de que tentaron remontar e chegaron a situarse na cuarta praza a metade de regata, finalizaron sétimas, superadas por todas as súas rivais directas.

Un cruel final que deixa sen a recompensa de medalla á regatista pontevedresa, a que fose a súa segunda presea trala de Londres 2012, aínda que leva como recompensa un diploma olímpico que acredita o seu gran traballo durante toda a competición.

A clasificación final en Río de Janeiro deixou como campioas a Martine Grale e Kahena Kunze con 48 puntos. Segundas foron as neozelandesas Alex Maloney e Molly Meech (51 puntos), terceiras as danesas Jena Hanse e Katka Steen Salskov-Iversen (54) e cuarta foi a tripulación española con 60 puntos.