Támara Echegoyen métese de cheo na pelexa polas medallas tras unha gran remontada

Pontevedra
28 de xullo 2021

A regatista pontevedresa e a súa compañeira no 49er FX, Paula Barceló, sobrepuxéronse ao seu accidentado debut cunha gran actuación este mércores que relanza as súas aspiracións de medalla nos Xogos Olímpicos de Tokyo

Támara Echegoyen, en competición nos Xogos Olímpicos de Tokyo
Támara Echegoyen, en competición nos Xogos Olímpicos de Tokyo / Sailingshots by María Muíña / RFEV

Golpe enriba da mesa de Támara Echegoyen e Paula Barceló na segunda xornada de competición olímpica na clase 49er Fx de vela.

A regatista pontevedresa e a súa compañeira de tripulación sobrepuxéronse ao seu accidentado debut en Tokyo 2020 para sumar tres podios parciais emeterse de cheo na pelexa polas medallas cando se chega ao ecuador da fase de clasificación.

Echegoyen e Barceló xa demostraran na súa estrea un bo estado de forma, só penalizado por un envorco cando navegaban na cabeza e unha penalización por un fóra de liña, e na segunda xornada celebrada este mércores no campo de regatas de Sagami confirmaron esas sensacións estando sempre entre as mellores.

Na primeira manga do día a parella española comezou na cabeza e mantívose liderando ata o tramo final, no que foron superadas polas holandesas Annemiek Bekkering e Annette Duetz. A pesar diso o seu segundo posto parcial supoñía o inicio da súa escalada na xeral ao colocarse quintas.

Esa remontada tivo continuidade na segunda regata das tres previstas, unha manga na que Echegoyen e Barceló repetiron posto de podio ao entrar en meta na terceira posición só por detrás das representantes danesas e as británicas, outras das máximas favoritas. Nese momento eran xa cuartas na clasificación provisional empatadas coas holandesas, terceiras, con 17 puntos.

Faltaba unha última proba e seguiu a tendencia, porque as campioas do Mundo empezaron dominando a regata que pechaba o día conseguindo finalmente un terceiro posto vendo como algunhas dos seus rivais fallaban e asaltando as posicións de podio na xeral.

Con este resultado Támara Echegoyen e Paula Barceló conseguen chegar ao ecuador da fase clasificatoria na terceira posición con 20 puntos. Só as superan as británicas Charlotte Dobson e Saskia Tidey (13 puntos) e as holandesas Annemiek Bekkering e Annette Duetz (18 puntos), mentres que as danesas Marie Thusgaard Olsen e Ida Marie Baad Nielsen son cuartas (24 puntos).

Por diante restan aínda outras seis regatas entre venres e sábado antes da definitiva Medal Race do luns 2 de agosto, pero  chegoyen demostrou que vai a por todas, coa súa segunda medalla olímpica entre cella e cella.