Támara Echegoyen e Berta Betanzos asaltan o liderado e apuntan ás medallas

Cerdedo-Cotobade
16 de agosto 2016

A falta de catro regatas, tres clasificatorias e a definitiva Medal Race, Echegoyen e Betanzos situáronse na primeira posición da xeral despois dunha espléndida xornada na Baía de Guanabara

Támara Echegoyen e Berta Betanzos nos Xogos Olímpicos de Río RTVE

Xornada redonda para Támara Echegoyen e Berta Betanzos no terceiro día de regatas clasificatorias dos Xogos Olímpicos na clase 49er FX de vela.

A regatista pontevedresa e a súa compañeira asaltaron o liderado cando só quedan catro mangas por disputarse, tres de clasificación e a definitiva Medal Race do próximo venres.

Echegoyen e Betanzos rozaron a perfección nunha xornada na que asinaron un cuarto posto na primeira manga e dous triunfos parciais nas outras dúas regatas do día.

Eses resultados fanas ascender desde a cuarta praza que ocupaban ata a primeira, con 30 puntos, polos 34 das neozelandesas Alex Malone e Molly Meech e os 35 das brasileiras Martina Grael e Kahena Kunze, segunda e terceiras respectivamente.

Ademais contan con nove puntos de renda sobre a cuarta praza e encaran con claras opcións de medalla o tramo final da competición olímpica.