Támara Echegoyen aterra en Tokyo e inicia a conta atrás para os seus terceiros Xogos Olímpicos

Pontevedra
12 de xullo 2021

A regatista pontevedresa foi das primeiras deportistas nacionais en chegar a Xapón, xunto ao resto do equipo español de vela que terá a súa base na localidade de Enoshima

Támara Echegoyen (terceira, arriba pola esquerda) co equipo español de vela ao partir cara a Tokyo
Támara Echegoyen (terceira, arriba pola esquerda) co equipo español de vela ao partir cara a Tokyo

O equipo español de vela xa está en Xapón para aclimatarse e preparar os inminentes Xogos Olímpicos de Tokyo, e con eles a pontevedresa Támara  Echegoyen.

A campioa olímpica en Londres 2012 e cuarta clasificada en Río 2016 vivirá este 2021 a súa terceira experiencia nuns Xogos aspirando de novo todo o máis alto, como demostra o seu título mundial de 2020 no 49 er FX facendo equipo coa balear Paula Barceló.

Os 15 regatistas españois clasificados para os Xogos foron dos primeiros en chegar a Tokyo. Por diante, Támara afronta 15 días xustos de aclimatación e posta a punto antes da súa primeira regata olímpica, prevista para o martes 27 de xullo. No seu caso a competición prolongarase ata a 'medal race' do luns 2 de agosto.

Á súa chegada ao país nipón o equipo nacional de vela tivo que pasar un exhaustivo control de entrada, tras o cal foron recibidos por un representante da cidade de Zushi, que lles acollerá ata a apertura da vila olímpica.

Esa apertura producirase o mércores 14, unha xornada antes do primeiro día de adestramentos oficiais permitido pola organización. A partir de aí trasladaranse a Enoshima, subsede que acollerá a competición de vela.

A conta atrás comezou.