Táboas para o TM Monte Porreiro na súa visita ao Collado Mediano

Pontevedra
09 de febreiro 2024

O club pontevedrés rozou o triunfo este xoves na xornada 14 de competición da Superdivisión Masculina, pero escapóuselle un último e rifado punto final que supuxo finalmente as táboas. O empate en todo caso consolida o Visit Pontevedra na cuarta posición do seu grupo

Martín Betancor, no enfrontamento de Superdivisión entre TM Monte Porreiro e Irún Leka Enea Cristina Saiz

O Tenis de Mesa Monte Porreiro disputou este xoves o seu encontro da xornada 14 de competición na Superdivisión Masculina, visitando o Collado Mediano nun duelo que terminou en empate (3-3).

Os pontevedreses rozaron cos dedos o triunfo, pero escapóuselle nun último e rifado punto que caeu en favor do conxunto local en cinco mangas tendo que conformarse coas táboas. O empate en todo caso sérvelle ao Visit Pontevedra para consolidarse na cuarta posición do seu grupo con 17 puntos.

Os pupilos de Nando Álvarez marcaron a pauta do enfrontamento desde o primeiro punto gañado por Miguel Ángel Vílchez ao local Weidong Shi Tiang. Tiago Sousa cedeu no seguinte partido, pero Martón Betancor devolveu a vantaxe vencendo a Ángel Ayuso.

De novo reaccionou o Colado co 2-2, pero Martín Betancor vencía no seu segundo partido para poñer o 2-3 e asegurar canto menos o empate.

Chegábase así ao duelo decisivo, cun Tiago Sousa que chegou a dominar a Ángel Ayuso por dúas mangas a unha pero que terminou cedendo en cinco emocionantes e apertados parciais para o 3-3 definitivo.

Sen tempo para lamentarse, o Tenis de Mesa Monte Porreiro afrontará unha nova xornada o vindeiro domingo 11 de febreiro recibindo en Príncipe Felipe o equipo de L'Escala, sétimo clasificado.