Suso Martínez e Manu Táboas estrean a rolda de renovacións no Arosa

O Salnés
20 de xuño 2019

O club arlequinado púxose ao choio na planificación da próxima tempada, na que non contará con Aarón Santamaría, segundo confirmou a entidade

Suso Martínez no partido entre Arosa e Choco na Lomba da tempada 17/18
Suso Martínez no partido entre Arosa e Choco na Lomba da tempada 17/18 / Diego Torrado

Superada a fase electoral, o Arosa púxose ao choio na planificación da próxima tempada, na que volverá competir na Terceira División con ilusión de achegarse aos primeiros postos da táboa.

O primeiro que fixo a referendada directiva de encabezada por Manuel Abalo foi pechar e anunciar a renovación do técnico, Rafa Sáez, e agora xa contando a opinión do adestrador pontevedrés comezouse a deseñar o plantel.

Neste aspecto, os dous futbolistas que estrearon as renovacións son o lateral Suso Martínez e o porteiro Manu Táboas.

No caso do primeiro, será a segunda campaña consecutiva en Vilagarcía, na súa segunda etapa no club, mentres que Manu Táboas afrontará tamén o seu segundo ano na Lomba. Ambos os dous únense desta forma a Manu Rodríguez e Carlos Torrado, xogadores que contaban cun ano máis de vinculación co Arousa.

O que non seguirá no equipo é o porteiro Aarón Santamaría, tras anunciar o club a súa baixa.