Supera renuncia á concesión de Rías do Sur tras asinar un acordo extraxudicial coa Fundación

Pontevedra
27 de setembro 2022

Punto e final ao conflito aberto coa xestión da piscina olímpica de Ponte Muíños, que volve oficialmente e para todos os efectos a mans da Fundación Rías do Sur tras a renuncia da empresa concesionaria a seguir explotando as instalacións

Primeira xornada de peche completo do Complexo Deportivo Rías do Sur PontevedraViva

Punto e final ao conflito aberto coa xestión da piscina olímpica de Ponte Muíños, que volve oficialmente e para todos os efectos a mans da Fundación Rías do Sur.

A entidade sen ánimo de lucro xestionará a partir de agora as instalacións tras a renuncia da empresa Supera (Sidecu) aos anos que lle restaban de concesión, poñendo así fin a un conflito que se remonta a finais do mes de marzo e sobre todo ao 1 de abril, data na que se pechou ao público non só a piscina olímpca senón todo o complexo deportivo, e que chegara aos tribunais.

O acordo entre ambas as duas partes, rubricado o pasado 16 de setembro, evita o xuízo e non supón ademais custo algún para Rías do Sur. "A Fundación non pagou nada, e Sidecu farase cargo dunha parte das reparacións que precisa facer a Fundación, unha parte do mantemento que non fixo", confirma a PontevedraViva o máximo responsable da Fundación, Héctor Vilariño.

"Xa contratamos algunhas obras, ademais da reparación do vaso de 50, coa substitución do sistema hidráulico, repararemos climatación, recollida de augas e certas cousas que tiñamos que facer aproveitando que segue a prealerta por seca. Agora no momento que se levante a prealerta volveremos encher o vaso e quedará o espazo de auga ao dispor dos clubs e de deportistas de rendemento do CGTD", avanza.

Esa será a prioridade, deixando para un horizonte a medio prazo a apertura total ao público. "Logo máis adiante xa se verán as fórmulas para reactivar a actividade completo, sacando a concurso ou buscando un novo xestor, pero o primeiro é dar servizo aos deportistas", sinala Vilariño. 

"Estamos satisfeitos. É un bo paso adiante para que todo volva á normalidade", afirma o presidente de Rías do Sur, entidade que "recolle a instalación libre de toda carga", segundo confirmou.