Despois de case unha semana de espera, a empresa Supera, encargada da xestión do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños, moveu ficha para desbloquear o peche da piscina olímpica.
Segundo puido saber PontevedraViva a empresa concesionaria, á que aínda lle restan 14 anos de contrato, valorou en ao redor dun millón de euros a cifra pola que estaría disposta a renunciar ao que queda de concesión.
"Presentáronnos a documentación que lles solicitabamos e unha oferta, pero entendemos que é só un punto de partida para unha posterior negociación", recoñeceu o presidente da Fundación Rías do Sur, Héctor Vilariño, tras manter a última hora do venres unha reunión cos socios fundadores para poñerlles ao corrente da situación.
Sen querer confirmar a cifra exacta que reclama Supera, Vilariño recoñece que "é totalmente inasumible a día de hoxe. A Fundación é unha entidade sen ánimo de lucro, non ten fondos para chegar a un acordo así".
En todo caso, segundo o presidente de Rías do Sur a valoración do mantemento que non se realizou na instalación a pesar de figurar no contrato debería ser incluída nos cálculos.
Chegados a este punto "o equipo xurídico está a valorar todas as opcións", explica, o que pode pasar tamén por que se esixa o cumprimento do contrato tal e como está ou mesmo a rescisión por incumprimento das condicións pactadas, aínda que "se chegamos a un acordo moito mellor", segue a mater o responsable da Fundación..