Suma e segue do Pontevedra que pecha as chegadas do centrocampista Borja Martínez e do porteiro Álvaro Cortés

Pontevedra
01 de agosto 2020

Aos seus 25 anos Borja Martínez, que aterra en Pasarón procedente do filial do Getafe, acumula seis tempadas de experiencia na Segunda División B. Álvaro Cortés é un futbolista de 22 anos (ocupa por tanto praza de sub-23), que procede do San Sebastián de los Reyes

Borja Martínez (dorsal 8) no partido entre Pontevedra e Getafe B en Pasarón Diego Torrado

O Pontevedra Club de Fútbol 2020/2021 continúa tomando forma con anuncios que se foron sucedendo nas últimas horas ou que están a punto de saír a luz.

O máis recente ata o momento é a confirmación da fichaxe de Borja Martínez, cuarta incorporación que farán oficial os granates.

Aos seus 25 anos, este centrocampista acumula seis tempadas de experiencia na Segunda División B principalmente en filiais, como o Atlético de Madrid  B, Espanyol B e Getafe B, do que procede. Ademais pasou tamén polas filas do Atlético Baleares na categoría de bronce e polo Parla en Terceira División.

Trátase dun futbolista, a priori, chamado a achegar en tarefas construtivas.

Na súa última campaña, no filial do Getafe, participou en 17 partidos, 14 deles como titular, nos que anotou un tanto.

Borja Martínez convértese desta forma na cuarta fichaxe do Pontevedra, tras as de Mario Fernández, Imanol García e Óscar Fernández. Estes nomes súmanse aos homes que contan con contrato en vigor actualmente, é dicir: Adrián Cruz, Rufo, Churre, Eneko Zabaleta, Pol Bueso, Naveira e Adighibe.

ÁLVARO CORTÉS

E a quinta fichaxe granate chega tamén de Madrid e faino para disputarlle a portería a Mario Fernández. Trátase de Álvaro Cortés, un futbolista de 22 anos (ocupa por tanto praza de  sub-23), que procede do San Sebastián de los Reyes.

Álvaro Cortés Valiente, participou en 6 partidos, todos eles como titular, nunha tempada na que pagou as consecuencias da mala traxectoria do seu equipo, que terminaría pechacancelas da categoría salvándose pola suspensión ligueira. Nacido en Madrid, chegara ao Sanse cedido polo C.D. Leganés, equipo no que se formou, destacando no filial  pepinero na terceira división madrileña.