Cambio no squash pontevedrés. Despois de décadas de traballo o Squash Pontevedra deixa paso na cidade ao Squash Rías Baixas, novo club que nace coa reapertura ao público do Complexo Deportivo Rías do Sur co obxectivo de revitalizar e impulsar o seu deporte.
Detrás da iniciativa están Damián Arosa, coordinador da recentemente creada entidade deportiva, e Juan Simal, o seu presidente. Todo coa intención de encher un espazo que, primeiro a pandemia e despois o peche de Ponte Muíños, deixaran baleiro.
"Imos tentar rescatar o squash en Pontevedra", asegura Arosa, antigo alumno de Miguel Novegil no Squash Pontevedra e que agradece ao seu mentor, que seguirá vinculado ao squash con deportistas de elite como Marta Domínguez, toda a colaboración que lles está prestando. "Gran parte disto teño que agradecerllo tanto a el como á súa muller, que me están a xudar moitísimo a dar o paso. Sen a súa axuda sería moito máis complicado".
O Rías Baixas ve a luz con "os vellos rockeiros como os chamamos, a xente que leva toda a vida con Miguel e xente que lle apaixona este deporte. É xente que cando isto pechou buscouse a vida indo a Vigo a xogar ou buscando a maneira para non deixalo", afirma o que será adestrador na nova entidade.
"Estamos a empezar cuns 20 socios" revela, pero é só o primeiro paso pensando en atraer deportistas desde idades temperás, porque "nos encantaría empezar cos colexios e de cara ao ano que vén coa escola deportiva. Queremos empezar a crear unha canteira, é o futuro do club".
Unha tarefa que saben que será complicada e a longo prazo, polo que queren "animar a toda a xente que queira vir ou traer o seu crío, que o van a pasar súper ben. O squash é un deporte que desestresa bastante e esquécense os problemas", asegura Damián Arosa.
Todo iso ademais co impulso que supoñerá para este deporte de raqueta a súa inclusión no programa dos próximos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028, un detalle que "para nós quizais sexa moi importante para poder apoiarnos e darnos máis visibilidade".
De momento, todo o que queira probar con eles ou solicitar máis información pode contactar co novo club deportivo pontevedrés a través da súa conta na rede social Instagram, chamando á Fundación Rías do Sur ou achegándose polo complexo deportivo de Ponte Muíños.
"Haberá unha cota mensual para pertencer ao club, eu impartiría dúas clases gratuítas ao mes e poderían xogar todos os días que quixesen", explica Arousa coa esperanza de crecer e consolidarse no panorama deportivo da Boa Vila.