Soutomaior estréase na San Silvestre cunha exitosa edición de medio millar de participantes

Soutomaior
01 de xaneiro 2024

Na categoría feminina gañou Carolina Santos e na feminina, Pablo Ulla. Manu Lourenzo afirmou que esta foi unha "xornada inesquecible" para Soutomaior, "porque é a primeira de moitas edicións que se van celebrar e porque Soutomaior volveu ser exemplo de que non deixa a ninguén atrás"

San Silvestre 2023 en Soutomaior Concello de Soutomaior

Medio millar de corredores e corredoras participaron na primeira edición da carreira San Silvestre organizada polo Concello de Soutomaior na tarde do sábado 30 de decembro.

Centos de persoas achegáronse ata a Alameda de Talo Río, no centro de Arcade, para asistir a esta I San Silvestre Fest, na que máis de 500 corredores e corredoras percorreron os case dous quilómetros de percorrido.

A cita comezou pasadas ás 17 horas coa carreira adaptada para as persoas con mobilidade reducida e diversidade funcional. A continuación, deu comezo a carreira xeral, na que reinaron os disfraces e a diversión para celebrar unha nova tradición.

Na categoría feminina gañou Carolina Santos e na feminina, Pablo Ulla. 

Unha vez entregados os premios, chegou o momento da festa na Alameda de Talo Río, onde o público puido gozar de boa música e bailar.

O alcalde, Manu Lourenzo, afirmou que esta foi unha "xornada inesquecible" para Soutomaior, "porque é a primeira de moitas edicións que se van celebrar da San Silvestre Fest, e porque Soutomaior volveu ser exemplo de que non deixa a ninguén atrás".

"Hoxe vivimos unha xornada inclusiva, solidaria, para todos e todas e na que o máis importante foi ver como os nosos veciños e veciñas gozaron", destacou Lourenzo.

O concelleiro de Seguridade, Diego Moreira, sinalou que a xornada desenvolveuse con total normalidade e quixo dar as grazas a todo o persoal voluntario que axudou nas diferentes tarefas relacionadas coa organización e tamén á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil de Oitavén-Tea e de Salceda.