Sorteado o calendario de liga 22-23 para o Poio Pescamar e o Marín Futsal

Marín
03 de agosto 2022

A competición na Primeira Federación Futsal Feminina dará comezo o 10 de setembro e finalizará na súa fase regular o 27 de maio

Partido entre Poio Pescamar e Marín Futsal na Seca Cristina Saiz

O Poio Pescamar e o Marín Futsal xa coñecen que camiño lles espera a próxima tempada na máxima categoría, a agora denominada Primeira Federación Futsal Feminina.

O sorteo de competición realizado pola Real Federación Española de Fútbol deparou unha estrea na casa para o conxunto conserveiro, que o 10 de setembro recibirá no pavillón da Seca ao Joventut d'Elx, mentres que o Marín Futsal debutará a domicilio visitando a pista do Sala Zaragoza.

Unha semana despois o Poio Pescamar acomenterá un dos desprazamentos máis complicados da tempada ao visitar ao actual campión de liga, o Futsi Atlético Navalcarnero, mentres que os da Raña vivirán o seu primeiro partido na casa recibindo o Leganés.

No que respecta a os duelos de rivalidade comarcal, terán lugar na penúltima xornada de cada unha das voltas, primeiro en Poio (7 de xaneiro) e por último en Marín (20 de maio).

A competición regular finalizará só unha semana despois, o 27 de maio, co Poio Pescamar recibindo o Burela Pescados Rubén e o equipo marinense viaxando á pista do Rayo Majadahonda.

Consulta aquí o calendario completo da tempada 22-23 na Primeira Federación Futsal Feminina.