Sorteado o calendario da División de Honra Prata, cun derbi entre Novás e Cisne para comezar

Pontevedra
25 de xuño 2019

Sociedad Deportiva Teucro e Club Cisne Balonmán xa coñecen o calendario que lles espera a próxima tempada 2019/2020 na División de Honra Prata, despois do sorteo celebrado este martes na Federación Española 

Partido de Liga entre Teucro e Cisne no Municipal na tempada 16/17 Diego Torrado

Sociedade Deportiva Teucro e Club Cisne Balonmán xa coñecen o calendario que lles espera a próxima tempada 2019/2020 na División de Honra Prata, despois do sorteo celebrado este martes na sede da Real Federación Española de Balonmán.

Os dous equipos da cidade iniciarán a competición o 15 de setembro a domicilio, cun atractivo derbi no caso do Cisne na cancha do Atlético Novás adestrado por Quique Domínguez. Pola súa banda o Teucro estrearase visitando ao Ciudad de Málaga.

Unha semana despois, o 22 de setembro, producirase o debut na casa para ambos os dous, cos partidos entre Teucro e Villa de Aranda e entre Cisne e Alarcos Ciudad Real.

Unha das incógnitas do sorteo era coñecer tamén as datas dos derbis pontevedreses, citas marcadas en vermello despois de dúas tempadas sen producirse. O primeiro deles, co Teucro como local, disputarase o 3 de novembro (xornada 7), e o segundo terá lugar o 15 de marzo (xornada 22).

Por último, os azuis pecharán a tempada regular o 17 de maio fóra da casa visitando o Cajasur Córdoba, mentres que o conxunto cineísta fará o propio na cancha do Handbol Bordils.