'Sorpasso' en Huelva ao decano do fútbol español da man do exgranate Antonio Fernández

Pontevedra
19 de maio 2021

O exadestrador de Vilalonga e Alondras acaba de conseguir o ascenso a 2ª RFEF co San Roque de Lepe, ao que chegou hai tempada e media para salvalo do descenso a Preferente e, ao ano seguinte, colocalo por primeira vez na historia nunha categoría superior á do Recreativo de Huelva

Antonio Fernández Rivadulla, adestrador pontevedrés do San Roque de Lepe PontevedraViva

"Estou moi orgulloso de ter vestido a camiseta do Pontevedra, pero non foi a miña mellor tempada, foi un ano malo, quedoume mal sabor de boca". É o recordo do seu paso por Pasarón de Antonio Fernández Rivadulla, exfutbolista e granate de corazón, que acaba de conseguir o seu maior éxito como adestrador: ascender ao San Roque de Lepe a 2ª RFEF.

Co ascenso debaixo do brazo, Fernández céntrase agora en deseñar o proxecto para a próxima campaña. Unha tempada que será histórica porque é a primeira vez que un equipo de Huelva estará por encima do decano do fútbol español, o Recreativo, que con outro exgranate aos mandos, Carlos Pouso, consumou a súa caída á quinta categoría do fútbol español.

"É duro porque é a primeira vez en 138 anos de historia que cae á quinta categoría do fútbol nacional e tamén será a primeira vez que hai outro club da provincia de Huelva que, deportivamente, está por encima do Recre. Institucionalmente nunca o estará porque é o club máis histórico de España", lembra o técnico.

Aínda así, non deixa de prestar atención ao conxunto de Pasarón, que o vindeiro domingo ten unha das citas máis importantes da súa historia recente. "O único que desexo desde a distancia é que o domingo gañen e manteñan ese status de seguir en 2ª RFEF e listo", asegura o preparador pontevedrés. 

É incapaz de ocultar Antonio a súa satisfacción polo logro conseguido. En ano e medio foi capaz de evitar a caída do club a Preferente e conducilo á nova 2ª RFEF. "O San Roque levaba varios anos salvándose na última xornada. Cando cheguei eu estaban de décimoséptimos con 5 puntos, cando se para pola pandemia, estabamos décimos a doce puntos do cuarto e 16 sobre o descenso", destaca este adestrador que tivo que facer as maletas porque, a pesar de ser capaz de ascender ao Vilalonga a Terceira División, mantelo ao ano seguinte sendo un dos equipos revelación da tempada e clasificar despois ao Alondras ao playoff de ascenso a Segunda B por dous anos consecutivos; non lle chegou a oportunidade en Galicia de dar o salto competitivo que anhelaba.

O obxectivo inicial do conxunto onubense para esta tempada era o de loitar polo ascenso. "Propuxémonos estar na zona alta da clasificacion pero había equipos con máis presuposto que nós", puntualiza Fernández. Pecharon unha primeira fase brillantes como campións do seu grupo e na fase polo ascenso foron capaces de sobrepoñerse a unha inesperada seca goleadora, con dúas derrotas nas primeiras xornadas, para acabar en segunda posición. 

Aínda continúan con celebracións e recepcións oficiais, pero o técnico galego pensa xa no próximo curso no que aínda non pode asegurar ao cento por cento a súa continuidade en Lepe malia ter aínda dous anos máis de contrato. "Poden botarme maña ou que veña outro club con outras características e chame á miña porta", matiza. De seguir, está convencido de que a competencia vai ser feroz. "Pasaremos de ser un equipo protagonista a ser un equipo coa bitola de conseguir a salvación. Iso non me dá medo, será un desafío moi bonito. Pasaremos de xogar contra o Córdoba B a xogar contra o Córdoba no Arcanxo diante de 10.000 persoas". Non é a primeira vez que asina unha machada así, co Vilalonga xa foi capaz de tomar San Lázaro. 

A súa estancia en Lepe, permanencia e ascenso incluído, serviulle a Antonio Fernández a madurar e mellorar como adestrador. "Son experiencias como adestrador que che fan mellor, non só se pode estar dacabalo gañador", puntualiza. Agora o seu libreto é moito máis diverso e aínda que prefire non elixir bando na loita entre adestradores de man dura e man branda, si que admite ter un estilo moi marcado. 

"Gústame o bo trato de balón e xogo combinativo. Pero hai que saber utilizar os recursos dos persoais para sacar outro rendemento, ben contragolpeando en velocidade ou defendendo en bloque baixo", defínese Fernández. O que é innegociable para el é a presión tras perda. "Ao perder o balón quero un equipo ordenado, que morda e que defenda alto. Pero iso orixina uns esforzos e orde táctico do equipo brutal á hora de defender", recoñece sen medo admitir que a súa metodoloxía "si está a funcionar". O seu palmarés na súa curta experiencia como adestrador así o testemuña. 

A preparación do equipo vai moito máis alá do xogo, Fernández presta moita atención ao estado anímico dos xogadores, sobre todo dos que menos minutos teñen. Tamén considera fundamental contar con psicólogos e nutricionistas no seu equipo para sacar o máximo rendemento dos seus.

PASADO GRANATE

Sacar a mellor versión dos seus futbolistas é a súa obsesión e é algo que non puido ofrecer á inchada de Pasarón e que aínda hoxe, dez anos despois, fai que se lamente. "Viña de ter xogado doce playoffs, tres seguidos co UD Ourense, e con moita experiencia na categoría. Decidín deixar o Ourense en pretemporada porque me chama o Pontevedra. Facíame moita ilusión porque a miña nai é de Pontevedra e o meu pai xogou alí catro anos", explica a súa chegada a Pasarón.

Con todo, o que era mediocentro do equipo que dirixía Milo Abelleira o primeiro ano despois do descenso a Terceira nunca atopou a súa posición. "Houbo detalles que non me axudaron", confesa. "Presioneime demasiado, vivía cos meus pais e no canto de axudarme prexudicoume porque eles tamén estaban ilusionadísimos. Non estaba cómodo. E despois tamén vivín cousas que eu como adestrador non faría, pero que agora tamén me serven na miña faceta de adestrador", argumenta Fernández.

Ao finalizar a tempada, despois de caer na primeira rolda da fase de ascenso contra o Español B, o club decide non renovar o seu contrato. Recoñece sentirse doído, pero "a ilusión que me fixo vestirme de granate e xogar en Pasarón xa non ma vai a quitar ninguén. Cumprín un soño", remata este prometedor adestrador formado como futbolista na Juvenil de Lérez e que non perde a esperanza que o tren da súa carreira nos bancos faga nalgún momento unha escala na estación de Pasarón. "Se algún día ten que suceder, sucederá".