Solvente triunfo do Poio Pescamar fronte a Sala Zaragoza (6-0), para seguir ao ronsel do líder

Poio
08 de abril 2023

Gustouse o Poio Pescamar no seu partido fronte ao Sala Zaragoza, que chegaba ao pavillón da Seca coa urxente necesidade de puntuar e repetir as xestas realizadas nos seus choques contra Futsi e Burela, nos que arrincou senllos empates, aínda que é certo que en ambos os casos en pista aragonesa. As de Luís López Tulla non deron opción a unha nova sorpresa e mostráronse moi superiores en todo momento, controlando o partido e non pasando apenas apuros defensivos

Partido de liga entre Poio Pescamar e Sala Zaragoza na Seca Cristina Saiz

Gustouse o Poio Pescamar no seu partido fronte ao Sala Zaragoza, que chegaba ao pavillón da Seca coa urxente necesidade de puntuar e repetir as xestas realizadas nos seus choques contra Futsi e Burela, nos que arrincou senllos empates, aínda que é certo que en ambos os casos en pista aragonesa. As de Luís López Tulla non deron opción a unha nova sorpresa e mostráronse moi superiores en todo momento, controlando o partido e non pasando apenas apuros defensivos.

O dominio inicial do Poio Pescamar converteuno en vantaxe moi pronto o conxunto rojillo co 1-0, aos cinco minutos, co gol de Rocío Gómez, aproveitando un roubo e un excelente servizo de Elena Aragón para rematar desde a interior da área. Puido ampliar Luci, tras un saque de falta, pero o seu disparo raso estrelouse no poste.

A pesar de poñerse por diante, e levar o mando, as locais vían como Sala Zaragoza non se engurraba e mesmo se permitía meter o medo no corpo á bancada, con senllas ocasións ben liquidadas pola porteira Elena, moi segura en todas as súas accións.

Preto do ecuador do partido, Luci atopábase de novo co poste, que a privaba do segundo gol. O mesmo pasoulle antes do descanso a Rocío Gómez, que cruzou en exceso o seu remate, soa ante a porteira rival. Con todo, ese desexado segundo gol chegou nunha acción incrible de Laura Uña, que se inventou un disparo case desde a mesma liña de fondo, sen ángulo, que se coou entre o poste e o corpo da gardameta visitante, tras dar no segundo pau.

Seguía acumulando chegadas o Poio Pescamar, á vez que realizaba unhas excelentes transicións defensivas nas poucas veces nas que o equipo maño lograba superar a presión alta das de Luís López Tulla, pero o marcador xa non se movería máis, nun primeiro tempo de clara superioridade local.

Pouco tardaron as locais en ampliar a conta co terceiro gol, tras un excelente servizo de Martita, que aproveitou ao segundo intento Dani Sousa (minuto 23). A presión alta das locais atragoábaselle ao cadro maño, que quedaba case sen argumentos para saír da súa zona defensiva con opcións de inquietar a meta de Elena.

Laura Uña subía o 4-0 ao marcador no minuto 25, aproveitando unha falta na frontal que lle cedeu en curto Elena Aragón para conectar un excelente remate por alto. Aínda por riba, a falta de 10 minutos, Sala Zaragoza cometía a quinta falta, o que poñía máis dificultade aínda ao seu labor defensivo.

Tarefa imposible debeu de ver o técnico maño a posibilidade de meterse no partido, que nin sequera recorreu ao xogo de cinco para tentar meter ao Poio Pescamar na súa área. Rocío Gómez atopouse coa oposición da porteira visitante nun man a man e as rojillas seguiron acumulando posesión e chegadas, xa sen gran esforzo, confiando en que case por inercia aparecerían as ocasións para ampliar aínda máis a conta. De feito, Laura Uña puido conseguilo, pero o seu remate terminou no poste (terceiro remate á madeira no partido das locais).

A falta de algo menos de tres minutos, por fin acertaba o Poio. Fíxoo Laura Uña, culminando cun toque de enorme calidade unha gran xogada de triangulación de todo o equipo, marcando o terceiro na súa conta particular, seguido escasos segundos despois polo sexto tanto, logrado por Martita, esta vez con algo de fortuna, ao rozar o seu disparo nunha defensora.

Se Futsi e Burela conseguiran antes golear aos seus rivais nesta xornada, Poio Pescamar non quixo ser menos, mantendo esa apaixonante pugna pola primeira praza, coas rojillas, que seguen batendo records, de momento segundas, a só tres puntos das madrileñas.

POIO PESCAMAR (6): Elena, Luci, Laura Uña, Martita e Dani Sousa (quinteto inicial). Tamén xogaron, Rocío, Elena Aragón, Irene García e Chiesa.

SALA ZARAGOZA (0): Vero; Bravo, Laura Boix, Jaimes e Moreno (quinteto inicial). Tamén xogaron, Reynal, María Illescas e Ana Eliza (segunda porteira).

Goles: 1-0, min. 5 Rocío. 2-0, min. 15 Laura Uña. 3-0, min. 23 Dani Sousa. 4-0, min. 25 Laura Uña. 5-0, min. 38 Laura Uña. 6-0, min. 38 Martita.

Incidencias: Pavillón da Seca (Poio). Colexiados, Otero Mira e Vilas López. Recibiron cartolina amarela Luci no Poio Pescamar e Reynal no Sala Zaragoza.