Dous anos despois de ser elixida como mellor porteira do mundo despois da súa excelente tempada 2019, Silvia Aguete volve verse entre as mellores.
A gardameta pontevedresa do Marín Futsal foi incluída na lista de 10 finalistas dos premios anuais que outorga o portal Futsalplanet, regresando ao selecto club de nomeadas tras caerse o curso pasado por mor das lesións que lle deixaron boa parte da campaña en branco.
Silvia venceu hai dous anos na votación á portuguesa Ana Catarina Silva e a brasileira Ana Carolina Caliari, segunda e terceira, xogadoras que tamén repiten na lista. Fíxoo cando defendía a meta do Poio Pescamar nunha campaña na que entre outros logros conseguiu o título de campioa continental coa Selección Española.
Ademais optan ao premio as tamén brasileiras Bianca Castagnaro, Joziane de Oliveira 'Jozi' (Burela) e Missiara Luiza Papst 'Missi', a italiana Angelica Dibiase, a ucraína Viktoria Sagaidachna, a rusa Maria Surnina e a irlandesa Farzaneh Tavasoli Sis.