Silvia Aguete tamén pon punto e final á súa etapa no Marín Futsal

Marín
23 de maio 2023

A gardameta pontevedresa di adeus ao cadro marinense despois de dúas tempadas nas súas filas, e emprenderá unha nova aventura na máxima categoría nacional. Tras Ceci e Pau, é a terceira baixa confirmada de peso no equipo da Raña

Silvia Aguete, no partido de liga en A Raña entre Marín Futsal e Joventut D'Elx FS

A renovación do Marín Futsal vai camiño este verán de revolución, e é que se as saídas de Ceci e Pau xa supoñían dúas baixas de peso, séguelles agora una das xogadoras máis determinantes do fútbol sala español e internacional.

Silvia Aguete non seguirá defendendo a portería da Raña, poñendo fin a "dúas incribles tempadas", recoñece o club.

A gardameta internacional pontevedresa, elixida no seu momento como a mellor do mundo e tripla campioa continental coa Selección Española, afrontará agora un novo reto na máxima categoría.

"Desde o club estamos tristes por non poder seguir gozando das súas accións baixo paus na Raña, pero tamén felices por todas as tardes de grandes actuacións que puido gozar a nosa afección", sinala o Marín Futsal. 

De feito, segundo adiantou o programa Galicia en Goles da Radio Galega, o seu destino será o Melilla Sport Capital, actual cuarto clasificado e que pelexará esta tempada no play-off polo título de liga.