Silvia Aguete e Caridad mantéñense nos plans da Selección Española, á que tamén regresa Jenny Lores

Pontevedra
08 de xullo 2021

A seleccionadora nacional, Claudia Pons, deu este xoves a convocatoria para a primeira cita internacional da tempada, mantendo a súa confianza na nova gardameta do Marín Futsal e a que era a súa compañeira no Poio Pescamar

Silvia y Caridad, nun partido de Copa da Raíña entre Poio Pescamar e STV Roldán
Silvia y Caridad, nun partido de Copa da Raíña entre Poio Pescamar e STV Roldán / Diego Torrado

A seleccionadora nacional de fútbol sala, Claudia Pons, confirmou este xoves a primeira convocatoria internacional para a próxima tempada, e nela non falta como é habitual presenza do fútbol sala pontevedrés.

Silvia Aguete e Caridad García manteñen a confianza da adestradora e seguirán defendendo a portería de España. Será a primeira chamada de Silvia tras a súa fichaxe polo Marín Futsal, converténdose ademais na primeira internacional do club. Xunto a ela estará a que ata o de agora era a súa compañeira no Poio Pescamar, Caridad, ademais doutras dúas gardametas como Marta (Futsi Atlético) e Cristina (Roldán).

Ademais na lista figura a pontevedresa Jenny Lores (Ourense Envialia), unha fixa nos plans da seleccionadora.

Claudia Pons chamou a 16 xogadoras para participar nunha concentración que terá lugar no mes de agosto, en plena pretempada dos equipos, para preparar o próximo Preeuropeo.

En concreto as xogadoras están citadas o día 18 de agosto en Las Rozas para iniciar unhas xornadas de adestramentos que finalizarán o 5 de setembro tras disputar dous partidos amigables na República Checa (3 e 4 de setembro en Praga e Pilsen).