Sétimos Xogos para Teresa Portela e primeiros de Carolina García: "Isto só é o principio do que vén"

Pontevedra
10 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

"Quen me ía a dicir que 24 anos despois de ir aos meus primeiros Xogos ía ir aos sétimos, de verdade que estou moi ilusionada, emocionda e realmente feliz", afirmou Teresa Portela tras certificar este mércores en Verducido o seu billete a París 2024

Carolina García e Teresa Portela festexan en Verducido a súa clasificación para París 2024
Carolina García e Teresa Portela festexan en Verducido a súa clasificación para París 2024 / Mónica Patxot

Dúas das persoas máis felices tras a primeira xornada do Selectivo Nacional de Piragüismo celebrado este mércores no Pontillón do Castro era Carolina García e Teresa Portela, protagonistas ambas do K-4 500 metros que certificou a súa praza para París 2024.

Será a primeira experiencia olímpica da pontevedresa Carolina García e a sétima, nin máis nin menos, dun mito como a canguesa Tere Portela,medalla de prata en Tokyo.

"Quen me ía a dicir que 24 anos despois de ir aos meus primeiros Xogos ía ir aos sétimos, de verdade que estou moi ilusionada, emocionda e realmente feliz", afirmou Portela tras vencer no Selectivo.

"Para min cada tempada, cada Xogos Olímpicos son un agasallo e eu mesmo estou sorprendida de poder competir nos meus sétimos Xogos. É un éxito e estou feliz de poder seguir gozando", recoñeceu.

Xa pensando "só en París", onde marcará un novo récord como muller española con máis participacións olímpicas, Tere defende que "a meta e a mentalidade é gañadora, é pensar en non poñernos límites, non poñernos freos. O ano pasado no mundial puidemos estar entre as mellores, conseguindo ese bronce, e a nosa mentalidade é ir a por todas", sinalou con ambición.

Ao seu lado, Carolina García festexaba a súa primeira clasificación para uns Xogos Olímpicos. Recoñecía estar "un pouco inquieta" antes da regata, o que cambiou a un estado "súper feliz e xa pensando en mellorar para chegar a París e dar o mellor".

De feito a pontevedresa afirmou que soña "con ser as primeiras" nos Xogos, aínda que "para iso queda moito que mellorar". Iso si, "isto só é o principio do que vén", afirmou xa coa clasificación olímpica no peto.