![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/6ca/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6616612653-mpa09269.jpg)
© Mónica Patxot
A París! Antía Jácome, Teresa Portela e Carolina García logran en Verducido o billete aos Xogos
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/902/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6616611b9b-20240409-patxot-selectivo-nacional-sprint-olimpico-piraguismo-0051.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/fc6/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6616624e42-mpa00045.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/d80/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6616614a2a-20240409-patxot-selectivo-nacional-sprint-olimpico-piraguismo-0063.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/79b/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6616615407-mpa08934.jpg)
© Mónica Patxot
Xornada de celebración para o piragüismo pontevedrés a deste mércores no encoro de Pontillón do Castro, na primeira xornada do Selectivo Nacional Sprint ou 'Trials Olímpicos' na que estaba en xogo a repartición de prazas para a cita olímpica do próximo verán en París.
Foi a confirmación do billete olímpico para varios deportistas pontevedreses como Antía Jácome, Teresa Portela, Carolina García e o cangués Rodrigo Germade.
Todos eles partían como favoritas e favoritos nas súas probas, tras lograr a pasada tempada clasificar barco para España, pero debían referendar esa condición no selectivo organizo en Verducido nas xornadas previas á primeira Copa de España da tempada.
As primeiras en lanzarse á auga foron as representantes do C-2 500 metros, onde destacaban as actuais subcampioas do mundo, a pontevedresa Antía Jácome e a madrileña María Corbera. Fai tres anos pelexaron no mesmo escenario por unha praza olímpica para Tokyo na canoa individual, pero esta vez celebraron xuntas o seu billete a París.
Jácome e Corbera cumpriron os prognósticos vencendo a súa quenda cun tempo de 01:58,518, superando en sete décimas á tripulación na que remaba a marinense Antía Otero e a mallorquina María dels Angels Moreno (+0:00,780) e fundíndose nun sentido abrazo ao pisar terra co obxectivo cumprido. Irán a por todas en París na que serán os segundos xogos da pontevedresa.
Tamén se cumpriron os prognósticos no K-4 500 feminino no que a pontevedresa Carolina García e a canguesa Teresa Portela compartían equipo con Sara Ouzande e Estefanía Fernández. Cun tempo de 01:35,334 superaron en 1,7 segundos ao seu rival no selectivo, certificando a sétima participanción olímpica dun mito como Tere Portela e a primeira de Carolina.
Un resultado que se repetiu en canto a favoritismo no K-4 500 masculino no que o cangués Rodrigo Germade sacou pasaporte olímpico xunto Saúl Craviotto, Carlos Arévalo e Marcus Cooper.
DIEGO DOMÍNGUEZ DÁ A SORPRESA NO C-2, CON ADRIÁN SIEIRO E MANUEL FONTÁN SEGUNDOS
A sorpresa chegou na proba que a priori chegaba máis aberta, o C-2 500 masculino, no que varias embarcacións tiñan posibilidades de gañar.
Os sevillanos Cayetano García e Pablo Martínez partían con vantaxe, ao que sumaban un importante apoio nas bancadas con afeccionados chegados a Verducido expresamente para apoialos. En fronte estaban entre outros os locais Adrián Sieiro e Manuel Fontán (Náutico O Muíño de Ribadumia), Diego Domínguez (Breogán do Grove) facendo parella co balear Joan Antoni Moreno ou os tamén pontevedreses Martín Jácome e Pablo Crespo (EP Ciudad de Pontevedra).
O certo é que esas tres embarcacións de aspirantes superaron aos favoritos nunha regata endurecida desde o inicio polo forte ritmo marcado por Sieiro e Fontán. Con todo no tramo final Diego Domínguez e Joan Antoni Moreno deron a badalada cun tempo de 01:39,749 e con medio segundo de vantaxe sobre a parella do Náutico O Muíño, deixándolles sen opcións de ir a París 2024.
En canto a Domínguez e Moreno, co seu triunfo forzan agora o desempate con Cayetano García e Pablo Martínez, aos que deberán superar de novo na Copa do Mundo de Szeged, en Hungría, para facerse co billete olímpico.
"Esta proba tiña moitísimo nivel. Manuel e Adrián expuxeron un carreira súper dura de inicio, ían moi por diante de nós ao paso da metade da proba, pero nós temos un bo final e confiabamos no último sector", recoñeceu tras a proba Diego Domínguez celebrando que "hai que soñar" cos Xogos Olímpicos.
Selectivo Nacional de Piragüismo en Verducido coas prazas para París 2024 en xogo
Antía Jácome, Tere Portela e Carolina García certificaron o seu billete para os Xogos Olímpicos de París 2024 no control selectivo nacional celebrado este mércores no encoro de Pontillón do Castro, en Verducido
© Mónica Patxot