Setenta deportistas de elite formáronse no presente curso no campus de Pontevedra

Pontevedra
07 de agosto 2024

Este recoñecemento como deportistas de elite achégalles unha serie de vantaxes, como poder escoller o horario, quenda ou grupo que máis se axuste ás súas necesidades, ter flexibilidade no calendario de exames ou obter un recoñecemento de ata seis créditos ETCS

Antía García, na Facultade de Fisioterapia Universidade de Vigo

Aintzane Dapena é alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e o pasado mes de maio proclamábase por novena vez campioa de España de tumbling, unha disciplina de ximnasia de trampolín na que realízanse unha serie de acrobacias ao longo dunha pista de 25 metros. 

Antía García é Estudante de Fisioterapia e na súa traxectoria deportiva en salvamento e sorrorrismo, na modalidade de piscina conta con once medallas en campionatos de Europa de categoría absoluta, unha medalla de ouro no Campionato do Mundo, 13 medallas en europeos e mundiais júnior, récords de España e numerosas medallas en campionatos estatais. Fitos que foi sumando ao tempo que avanzaba nos seus estudos, graduándose primeiro en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, para cursar logo Fisioterapia. 

Xunto a Aintzane e Antía, nas aulas da Universidade de Vigo formáronse no presente curso un total de 96 deportistas de elite, 44 mulleres e 52 homes. 

Segúndo destaca o Diario da Universidade de Vigo, trátase da cifra máis elevada de alumnado con esta acreditación desde a aprobación en 2021 do Estatuto do Estudantado Deportista, que establece unha serie de medidas orientadas a favorecer a conciliación da vida académica e a práctica deportiva. 

Preto de 70 destes estudantes fórmanse no campus de Pontevedra, sendo Ciencias da Actividade Física e do Deporte, con 35, o grao con máis alumnos con esta acreditación, seguido de Fisioterapia con 16. 

Este recoñecemento como deportistas de elite achégalles unha serie de vantaxes, como poder escoller o horario, quenda ou grupo que máis se axuste ás súas necesidades, ter flexibilidade no calendario de exames ou obter un recoñecemento de ata seis créditos ETCS. 

Este rexistro abrirá de novo a súa inscrición o 1 de setembro e poden obter esta consideración, entre outros, os estudantes que conten co recoñecemento de deportistas de alto nivel, estatal ou autonómico, ou de alto rendemento; aqueles que compitan na máxima categoría estatal ou profesional nas modalidades deportivas de equipo ou os integrantes dos programas de apoio ao deporte olímpico e paralímpico ADO e ADOP. 

A estes 96 deportistas de elite súmanse os 18, once mulleres e sete homes, que no presente curso foron recoñecidos coma deportistas de nivel intermedio, 16 delas e deles por asistir aos Campionatos de España Universitarios.