Sesións virtuais de adestramento, a nova iniciativa da Federación Galega de Piragüismo

Pontevedra
05 de abril 2020

As sesións de adestramento online comezarán a partir do luns 6 de abril a través da plataforma Zoom e realizaranse todos os días entre as 12:00 e as 13:00 horas abarcando as diferentes disciplinas de canoa e kaiak

Natalia García, adestrando na casa da serra madrileña na que está a pasar o confinamento Natalia García

A Federación Galega de Piragüismo, por medio da súa dirección deportiva, ofrecerá a partir do luns 6 de abril unha serie de sesións virtuais de adestramento en ergómetro para todos os deportistas que queiran participar.

As actividades abarcarán as diferentes disciplinas de canoa e kaiak e realizaranse todos os días entre as 12:00 e as 13:00 baixo a supervisión de técnicos da federación a través da plataforma Zoom.

Esta idea, tal e como explica a FGP, xorde despois de comprobar que os piragüistas españois e do resto do mundo continuan coa súa preparación desde as súas casas nos simuladores adaptados desde que se decretou o estado de alarma polo COVID-19.

Por iso, con esta actividade, súmanse ao Programa de Achega de Coñecementos que se está celebrando desde o pasado 30 de marzo e que tivo un éxito de participación con máis de 100 deportistas diarios.

Para acceder aos adestramentos é necesario inscribirse e darse de alta na aplicación Zoom.us co IDE: 514 660 7642.