Ser top 10 no Ironman 70.3 de Niza, último gran reto da tempada para Pablo Dapena

Pontevedra
13 de agosto 2019

O triatleta pontevedrés disputa o 7 de setembro o campionato do mundo de media distancia, despois de coroarse subcampión do mundo en longa distancia no ITU Multisport celebrado en maio na cidade do Lérez

Pablo Dapena entra en meta no Ironman 70.3 de Suíza Ironman

Pablo Dapena está decidido poñer o broche de ouro a outra tempada brillante. Se no 2018 o triatleta pontevedrés coroouse campión do mundo e subcampión de Europa en longa distancia, no 2019 os retos non foron menos ambiciosos. O primeiro, o mundial da súa disciplina favorita celebrado en Pontevedra, superouno con nota e cunha medalla de prata colgando do pescozo tras unha carreira que quedará para sempre no recordo dos fans do tríatlon e dos pontevedreses.

O segundo era lograr o billete para o Ironman 70.3 que se celebra o 7 de setembro en Niza. E conseguiuno á primeira. Na cidade francesa agarda a elite deste deporte. Pero Dapena non lles teme, está motivado e seguro de poder alcanzar o obxectivo de acabar entre os 10 primeiros. "E xa estou a pedir moito con toda a xente que vai competir", sostén con humildade despois de mencionar a especialistas como Javier Gómez Noya, Fernando Alarza, Alistair Brownlee, Patrick Lange, Blummenfelt, Heemeryck, Von Berg, Sebastian Kienle... Pero el sabe que o seu nome tamén figura na lista de triatletas a vixiar moi de preto dos seus rivais.

Aínda así o camiño para clasificarse non foi sinxelo. "Para o Mundial 70.3 Tentei clasificarme a dúas balas. Unha no 70.3 de Rapperswill, en Suíza. Quedei segundo pero xa me clasifiquei porque o primeiro, Andy Boecherer, xa estaba clasificado", lembra. Aínda que xa cumprira o obxectivo, Dapena foi a por a segunda bala e o resultado foi tamén extraordinario. Colgouse o bronce no Europeo de Elsinore, en Dinamarca, por detrás de Rudy von Berg e Gómez Noya.

Con todo, a dureza da tempada está a empezar a facer efecto no físico do triatleta do BMC Vifit Sport. "Non estou como me gustaría. Máis por culpa da escordadura de nocello e de todas as feridas que polos propios adestramentos. Non queda outra máis que recuperar ben o corpo e prepararse para o que vén", afronta con valentía o pontevedrés. Por diante ten 1,9 quilómetros de natación, 90 de bicicleta, 21,1 de carreira a pé e unha infinidade de interminables sesións de adestramento ata a cita do 7 de setembro.

E aínda que agora está completamente centrado neste mundial, tras a carreira de Niza aínda queda unha proba máis para gozar do espectáculo que ofrece Dapena en cada carreira. Será en Pontevedra, o 12 e 13 de outubro, na primeira edición do Pro Tour que reunirá na contorna do Lérez aos mellores triatletas do país.