Sensacional Pablo Dapena, subcampión europeo no Challenge Madrid tras Van Houtem

Pontevedra
23 de setembro 2018

Vitoria contundente para Timothy Van Houtem cun gran parcial ciclista e unha adoitada carreira a pé, quen se proclamaba campión de Europa de Longa Distancia. Segundo en meta e medalla de prata era Pablo Dapena, o vixente campión do mundo de LD. Terceiro e bronce era o danés  Mortem  Brammer

Pablo Dapena, no mundial de tríatlon de longa distancia Deputación de Pontevedra

Na mañá deste domingo disputouse a segunda edición do Challenge Madrid onde o belga Timothy Van Houtem reeditou a vitoria do ano pasado e o pontevedrés Pablo Dapena conseguiu unha espectacular segunda posición, debuntando nunha distancia "full" ao grande.

O encoro de Riosequillo en Buitrago de Lozoya era o lugar elixido para o sector de natación. 3.800 metros, con dúas voltas a un circuíto de 1.900. O español Carlos López Díaz era o primeiro en saír da auga cun tempo de 46:10, con Pablo Dapena pegado a el. Pola súa banda, Timothy Van Houtem saía cun notable atraso de máis de dez minutos que lle obrigaba a remontar.

Carlos López e Pablo Dapena íanse xuntos nos primeiros quilómetros de ciclismo, un duro sector de 180 quilómetros cos portos de Canencia, Morcuera e Cotos. López e Dapena pasaban primeiros polo quilómetro 50. Por detrás xa se colocaba terceiro Van Houtem, quen neses primeiros quilómetros xa lles recurtara máis de tres minutos.

Dapena e López seguían na cabeza mediado o segmento ciclista, pero con Van Houltem xa mais preto. O belga estaba a realizar o mellor parcial ciclista e xa só cedía dous minutos no quilómetro 100.

Ao cubrir o quilómetro 125 Van Houlten cazaba a Dapena e López, pasando xuntos polo punto de control numero tres. Moreno seguia cuarto a máis de 9 minutos do trío de cabeza, xunto con Morten Brammer.

Nos quilómetros finais do ciclismo Van Houtem marchou só, rompendo a cabeza de carreira e chegando á T2 cun tempo de 6:09:23. O seu parcial ciclista era claramente o mellor de todos os participantes, con 5:10:44. Pablo Dapena era segundo pero xa a 4 minutos e medio do belga, mentres Carlos López perdía moito tempo nos últimos quilómetros do segmento ciclista e chegaba a máis de 14 minutos de Dapena.

Unha maratón espectacular con pasos pola Rúa Maior, o Palacio Real, o Senado, a Praza de España, o Templo de Debod ou o Paseo Pintor Rosales ía poñer fin a esta edición do Challenge Madrid.

Timothy Van Houtem saía con forza a afrontar os 42 quilómetros de carreira a pé cun bo ritmo e pasaba primeiro pola primeira volta, mantendo practicamente a mesma diferenza con Dapena, que era segundo.

Ao paso pola segunda volta, Van Houtem era mais líder aínda con Dapena a case 10 minutos. Finalmente vitoria contundente para Timothy Van Houtem cun gran parcial ciclista e unha sólida carreira a pé, quen se proclamaba campión de Europa de longa distancia. Segundo en meta e medalla de prata era Pablo Dapena, o vixente campión do mundo. Terceiro e bronce era o danés Mortem Brammer.