Señor deixa no aire o seu desexo de continuar en Pasarón: "Terminarei a tempada e o que veña despois xa procederá"

Pontevedra
18 de maio 2023

O adestrador do Pontevedra, que xa consumou o seu descenso a Segunda Federación, esixe "profesionalidade" aos seus xogadores para competir "dignamente" nos dous últimos partidos de liga

Juan Señor, no partido entre Pontevedra e Unionistas en Pasarón

Co descenso a Segunda Federación consumado, o Pontevedra afronta este sábado ás 19.30 horas o penúltimo partido da tempada. Os granates visitan ao Badajoz, metido de cheo na loita pola permanencia. É por iso que o adestrador Juan Señor esixe aos seus xogadores, a pesar de que "o tope de frustración de toda a tempada é alto", que manteñan a "actitude e profesionalidade". 

O preparador inicidiu na rolda de prensa previa ao desprazamento á cidade estremeña na necesidade de "competir profesionalmente e moi dignamente. O guion é dalo todo ata o final, aínda que os estados de ánimo sexan diferentes ou custen máis recuperalos". 

É por iso que Señor tampouco pensa en realizar cambios profundos no once para dar minutos a xogadores que poidan ser importantes o próximo curso. "Só penso gañar o partido", remarca tirando de memoria ao lembrar cando, durante a súa etapa como adestrador no Mérida, en Segunda División, o xa descendido Toledo arrincoulle un empate privando aos romanos de pelexar polo ascenso a Primeira División, aínda que finalmente o equipo acabaría descendendo por problemas administrativos. 

Ao que si que se referiu Señor é ao seu futuro no banco de Pasarón. Sen querer dar pistas sobre o seu desexo de continuar ou non, o adestrador declarou que "non é o momento" de conversar sobre as opcións de seguir. "Non me arrepinto de vir, sentinme moi arroupado e moi apoiado. Esta tempada terminareina e o que veña despois xa procederá", matizou.

Nunha especie de valoración do seu paso por Pontevedra, recoñeceu Señor que "as sensacións que se deron foron moi boas desde que me fixen cargo do equipo, en casa frutificaron, pero fóra negóusenos, hai que asumir que é unha materia pendente que non aprobamos".