Competicións deportivas a porta pechada. Así o decretou a Xunta de Galicia, segundo explicou o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, ao enumerar as novas restricións que se impoñerán na comunidade para tentar deter o avance da Covid.
A nivel deportivo, onde só seguen adiante as competicións de ámbito estatal, todos os partidos deberán xogarse sen público nas bancadas durante as tres próximas semanas.
"Se suprimen os aforos nos campos. Iso é un espectáculo, unha actividade de ocio, e por tanto como espectáculo tamén se suspende a presenza de público nos campos de xogo aínda que sexan competicións nacionais ou internacionais", sinalou Feijóo na súa comparecencia.
Estas medidas terán vixencia inicialmente ata o próximo 17 de febreiro, afectando a competicións como a Segunda B ou Terceira División de Fútbol, a Liga Asobal e a División de Honra Prata de Balonmán, a Primeira Feminina de fútbol sala ou a Liga Feminina 2 de Baloncesto, entre outras por citar nas que están inmersos equipos da comarca.
Ademais dentro do novo paquete de medidas a práctica deportiva ao aire libre pasa a estar permitida só de maneira individual, sendo a máscara obrigatoria tamén para correr. Tampouco se poderá saír do municipio para facer deporte e os ximnasios e outros centros deportivos botarán o peche.
UNHAS MEDIDAS "INEVITABLES" PARA O EDIL DE DEPORTES
Unha das primeiras reaccións ás novas restricións chegou por parte do concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, para quen son "medidas que son inevitables porque hai unha situación de absoluto descontrol da pandemia en toda Galicia".
De feito o edil pontevedrés, contrario a iniciar no seu momento as competicións autonómicas e decidiu manter pechadas as instalacións deportivas municipais, opina que "alguna destas medidas xa tiñan que ser propostas hai tempo".