Sen positivos na rolda de test realizada a Arousa, Leis e O Fisgón

Pontevedra
09 de xuño 2020

O conxunto de Vilagarcía, candidato ao ascenso á Segunda B de fútbol, foi o último equipo da comarca en someterse aos controis, previos ao comezo dos adestramentos nas instalacións do Manuel Jiménez

O plantel do Arosa sométese aos test de Covid-19 antes de volver aos adestramentos Real Federación Galega de Fútbol

O Arosa foi o último equipo da comarca en someterse aos test de Covid-19 obrigatorios antes de retomar os adestramentos pensando no play-off exprés co que finalizará a tempada.

Os de Vilagarcía sometéronse a este trámite nas instalacións do Manuel Jiménez, seguindo os pasos de O Fisgón e Leis de fútbol sala que o completaban o venres, e tamén do resto de equipos participantes na fase de ascenso.

A boa noticia é que na primeira rolda de probas serolóxicas " non está habendo ningún caso positivo", confirmou o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, despois de visitar ao cadro  arosista na súa volta ao traballo.

As análises realizáronse a 14 equipos, os 4 galegos que pelexarán polo ascenso á Segunda B de fútbol, e aos representantes nos play-off de fútbol sala. En total "maís de 300 test e a verdade e que todo está resultando con absoluta normalidade", engadiu Louzán.

No que respecta ao Arosa, que do mesmo xeito que o Leis retomou os adestramentos este luns, os pupilos de Rafa Saéz repartíronse en dous grupos de 10 futbolistas para afrontar unha sesión de aproximadamente unha hora de duración. Tratábase dunha primeira toma de contacto no que o importante era evitar riscos de lesión. Se todo marcha segundo o planeado, o conxunto arlequinado empezará a adestrar co grupo ao completo a partir do 15 de xuño xa no campo da Lomba.

Todos os equipos participantes nos play- off deberán someterse a unha segunda rolda de test de detección de coronavirus nas xornadas previas ao comezo da competición.