Sen marxe de erro para un Pontevedra obrigado a vencer por dous goles ao Manzanares

Pontevedra
12 de xuño 2015

Sen marxe para o erro, o Pontevedra xógase a unha sóla carta toda a tempada no partido que lle enfronta ao Manzanares en Pasarón (sábado, 20:00 horas), obrigado a remontar o gol de vantaxe que traen os castelán-manchegos para poder entrar de novo no bombo do sorteo o próximo luns e acceder á final polo ascenso

Adestramento do Pontevedra en Pasarón Daniel Santomé

Chega a hora da verdade. Sen marxe para o erro, o Pontevedra xógase a unha sóla carta toda a tempada no partido que lle enfronta ao Manzanares en Pasarón (sábado, 20:00 horas), obrigado a remontar o gol de vantaxe que traen os castelán-manchegos para poder entrar de novo no bombo do sorteo o próximo luns e acceder á final polo ascenso.

O partido será dirixido polo colexiado Eduardo Rodríguez García (Asturias), auxiliado nas bandas por Guillermo Cano Fernández e Andrés Díaz Fonseca.

Os castelán-manchegos chegan coa baixa de Juanma, por problemas laborais, aínda que xa non actuara no José Camacho, e a dúbida do seu dianteiro Raúl Castillo, que tivo que abandonar o partido de ida lesionado, no primeiro tempo, cunha distensión muscular da que parece recuperado, se ben o máis probable é que o técnico, Guillermo Alcázar, opte por non o incluír de entrada no once.

O Manzanares non terá moito apoio na bancada, salvo aqueles afeccionados que poidan desprazarse polos seus propios medios, ao non ter conseguido o club reunir o número de seguidores abondo para completar o autobús que estaba previsto fixese o longo desprazamento.

Por parte do Pontevedra, se ben cabe pensar que non se rexistrará o cheo espectacular do partido fronte ao Mensaxeiro, a entrada volverá ser de luxo para un partido de Terceira División, esperándose a presenza de máis de 6.000 afeccionados que non quererán deixar só o seu equipo en busca da remontada que os poña novamente noutra final polo ascenso.

A mellor noticia para os locais é a recuperación de Pablo Carnero, que se exercitou con normalidade durante toda a semana, non acusando molestia ningunha desa sobrecarga que obrigou a reservarlle tanto no partido de volta ante os canarios, como a semana pasada en Manzanares. A súa soa presenza chea de optimismo á afección, que pensa que co seu concurso o obxectivo será máis alcanzable.

Luisito, como adoita facer neste tipo de partidos, tras o último adestramento realizado na tarde deste venres en Pasarón, decidiu convocar a todos os seus homes, se ben nesta ocasión non haberá concentración prepartido. Con Adrián e Benja faltos de ritmo e Bruno lesionado, o técnico de Teo moi posiblemente volva optar por cambios no once inicial, algo que está a ser habitual durante o play-off.

A obriga de gañar e facelo por máis dun gol podería levar a xogar con dous dianteiros, aínda que sen descoidar a zaga, concientes de que o rival buscará a súa oportunidade á contra e nas accións a balón parado, nas que ten as súas mellores armas.

O que está claro é que os granates respectan o rival, pero están convencidos de poder superar a eliminatoria, axudados pola calor da súa afección e nun campo que, coas chuvias previstas para a hora do partido, debe estar moi rápido e converterse no mellor aliado do Pontevedra.