Sen a campioa olímpica pero cun cartel do luxo: Así será o Campionato de España de Marcha en Marín

Marín
06 de marzo 2025

María Pérez, flamante dobre medallista en París 2024, non estará o domingo no Nacional de Marcha que se celebrará en Marín, no que a pontevedresa Antía Chamosa será unha das grandes favoritas

Antía Chamosa (á dereita), no podio do Nacional de marcha
Antía Chamosa (á dereita), no podio do Nacional de marcha Federación Española de Atletismo

Cun cartel de luxo pero cunha ausencia destacada. Así se presenta o Campionato de España Absoluto de Marcha en Ruta, na distancia de 35 quilómetros, que se celebrará o vindeiro domingo 9 de marzo en Marín.

Trátase dunha proba mítica no atletismo internacional, pero que deixou de ser olímpica por sorpresa no último ciclo, o que fai que algúns especialistas prefiran centrarse en distancias máis curtas.

É o que pasará presumiblemente coa gran figura da marcha española, María Pérez, flamante dobre medallista nos Xogos Olímpicos de París 2024 (ouro na remuda e prata nos 20 quilómetros).

A andaluza, campioa mundial en 2023 na distancia que se correrá en Marín, será a gran ausente da cita, aínda que o cartel seguirá a ser de luxo.

Na proba feminina será unha das grandes favoritas ao triunfo a pontevedresa Antía Chamosa, internacional e parte do equipo español en París 2024 aínda que ao final non chegase a competir.

Tamén estarán en Marín a internacionais Laura García-Caro, diploma olímpico nos últimos Xogos e que en 2022 foi sexta no Mundial de 35 quilómetros; Cristina Montesinos, bronce na Copa de Europa en 2023 e tamén parte do equipo olímpico; e Raquel González, sumbcampioa europea de 35 km en 2022.

Na proba absoluta masculina tampouco faltarán nomes destacados xunto ao local e motivado Daniel Chamosa.

En Marín estarán outros olímpicos como Miguel Ángel López, campión europeo (35 e 20 quilómetros) e mundial (20 km), ou Marc Tur (cuarto en Tokyo en 2021).

As carreiras tanto absoluta masculina como feminina sobre 35 quilómetros teñen prevista a súa saída á primeira hora da mañá do domingo (8.30 horas), competindo nun circuíto que atravesará a Avenida de Ourense.

Ademais disputaranse o Campionato de España Marcha Federacións Autonómicas Sub-20 e Sub-18 (10km) e o Sub-16 (5km), con saídas previstas no primeiro caso ás 11.30 e 12.25 horas e no Sub-16 ás 13.45 e 14.20 horas.