Segundo posto para o Ciudad de Pontevedra na Copa de España Cadete de piragüismo celebrada en Verducido

Pontevedra
27 de maio 2019

A Liga Nacional de Xóvenes Promesas de Augas Tranquilas tivo a segunda competición da tempada no encoro de Pontillón do Castro, coa celebración da Copa de España de 1.000 metros para a categoría cadete

Antía Otero, no Campionato Galego de Xóvenes Promesas de piragüismo Federación Galega Piragüismo

A Liga Nacional de Xóvenes Promesas de Piragüismo en Augas Tranquilas tivo a segunda competición da tempada no encoro de Pontillón do Castro, coa celebración da Copa de España de 1.000 metros para a categoría cadete.

A cita tivo protagonismo pontevedrés grazas ao segundo posto na xeral conseguido pola Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra con 358 puntos, mentres que outro club da provincia, o Náutico de Pontecesures, foi terceiro (352), só superados ambos polo vencedor da competición, o Náutico de Sevilla (579 puntos).

A nivel individual as finais feminina de canoa deixaron as medallas de ouro e prata de Antía Otero e Ángela Jorge, (ambas as dúas do Ciudad de Pontevedra) na categoría Cadete A, conseguindo Valeria Oliveira (Breogán do Grove) a vitoria en Cadete B.

Tamén en Cadete  B de canoa, pero masculina, David Bautista (Ciudad de Pontevedra) levaba o primeiro posto. Pola súa banda en kaiak Carmen Devesa  (Breogán) foi terceira na final Cadete  B.

En canto ás embarcacións dobres, na final de C-2 Ángela Jorge e Antía Otero (Ciudad de Pontevedra) conseguían a primeira posición nunha proba na que as irmás Valeria e Yolanda Oliveira (Breogán) ocuparon a terceira posición.

A próxima competición da Liga de Xóvenes Promesas celebrarase en Mequinenza, Zaragoza, o próximo 29 de xuño. A regata será para a categoría infantil e sobre a distancia de 3.000 metros.