Segunda derrota consecutiva dun TM Monte Porreiro 'tocado' pola grave lesión de Nico Galvano

Pontevedra
20 de novembro 2023

O conxunto pontevedrés viuse sorprendido polo San Sebastián de los Reyes (1-4) o día que mandaba unha mensaxe de ánimo ao seu capitán, afectado por unha lesión que lle manterá fóra de combate durante meses

André da Silva, no encontro entre TM Monte Porreiro e Arteal Santiago Cristina Saiz

O Tenis de Mesa Monte Porreiro encaixou a súa segunda derrota, terceira xornada sen gañar, na Superdivisión ao verse sorprendido na casa polo San Sebastián de los Reyes (1-4).

Foi nunha xornada especial e emotiva para o club pontevedrés, que rendía homenaxe ao seu capitán Nico Galvano mandándolle ánimo e agarimo tras sufrir unha grave lesión.

"Forza capitán Nico Galvano", rezaba a mensaxe que portaban xogadores de base do club antes do enfrontamento e en alusión ao xogador arxentino, que leva xa oito tempadas defendendo ao Monte Porreiro. "Sufriu unha grave lesión que o manterá fóra de xogo durante un longo tempo", explican de feito desde a entidade.

Con ese detalle en mente o Visit Pontevedra saíu a por todas, logrando Martín Betancor o primeiro punto en xogo ao impoñerse nun vibrante enfrentamiewnto de cinco mangas a Tsz Tsun Tsang.

O Monte Porreiro con todo non puido conter a reacción do seu rival madrileño. André da Silva rozou o triunfo no terceiro partido (2-3), pero ao final os catro seguintes puntos foron para o San Sebastián de los Reyes levando a vitoria de Pontevedra.

A pesar da derrota o equipo pontevedrés mantense terceiro na clasficación da máxima categoría con 9 puntos.