Seguen subindo os positivos por Covid no Cisne, con 6 contaxiados e aínda 8 probas por realizar

Pontevedra
22 de outubro 2020

O club pontevedrés segue pendente de varios resultados e de realizar oito probas PCR a plantel e corpo técnico, pero tamén informou que sete das xa efectuadas tiveron resultado negativo

Partido da Liga Asobal entre Cisne e Cuenca no Municipal Mónica Patxot

A espera faise por momentos insoportable para e Club Cisne, que aos poucos vai coñecendo os resultados da segunda rolda de probas PCR ás que se están sometendo xogadores, corpo técnico e directivos ao longo destes días e tras dúas semanas illados.

Segundo o último balance da entidade pontevedresa, durante a mañá deste xoves a cifra de contaxios no equipo ascendía xa a 6, dous máis que a xornada anterior.

Non se trata aínda dunha información completa, xa que seguen pendentes dos resultados dalgúns test e tamén de que sexan realizadas ata 8 probas PCR.

No lado positivo da balanza aparecen os 7 resultados negativos neste segundos test, o que permitirá a parte da expedición cisneísta abandonar o confinamento.

Aprazado o encontro previsto para este sábado 24 en Guadalaxara, a dúbida agora recae sobre o seguinte compromiso na Liga Asobal, fronte ao Barcelona no Municipal de Pontevedra, que tamén parece abocado á suspensión ao ter que completar os xogadores que deron positivo 10 días máis de illamento.