Segue a festa do ascenso cunha recepción na Deputación e a foto oficial da tempada

Pontevedra
29 de xuño 2015

O primeiro plantel do Pontevedra, xunto a corpo técnico e a presidenta comezaron o luns realizándose a foto oficial da tempada no Estadio de Pasarón, para despois recibir unha homenaxe na Deputación, patrocinador principal do club. O fin de festa polo ascenso, ás 20:00 horas deste luns en Mugartegui

Recepción da Deputación ao Pontevedra tralo seu ascenso a Segunda B Mónica Patxot

Que siga a festa! O Pontevedra Club de Fútbol arrancou a semana como a rematou, celebrando o ascenso a Segunda B logrado o pasado sábado tras vencer o Haro Deportivo en Pasarón.

No medio de bromas, risas e bo ambiente, os xogadores, corpo técnico e a presidenta comezaron a semana realizando a foto oficial da tempada no estadio pontevedrés.

Tras esta cita a caravana granate dirixiuse en autobús á Deputación Pontevedra, patrocinador principal do club, para recibir unha homenaxe da institución provincial, sen a cal "hoy probablemente el Pontevedra no existiría",  sinalou na súa intervención Lupe Murillo.

Arroupados por xogadores da canteira granate, os protagonistas do ascenso recibiron a felicitanción do que tamén é presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, quen gabou o ambiente vivido o sábado: "O que se puido ver no campo o sábado pasado foi o sentir maioritario desta cidade", explicou.

Louzán animou ao consello de administración a seguir traballando nesta liña porque "seguramente a meta do Pontevedra non está escrita na división de bronce do fútbol español, seguramente está máis arriba", engadiu.

Tamén se atreveron co micro o capitán do equipo, Adrián Gómez, e o adestrador, Luisito, que describiu como "un orgullo tremendo ver como el otro día Pasarón estaba lleno a reventar".

Tras unha comida de grupo, da que xa se ausentaron por motivos persoais Jorge Rodríguez e Rubén Lobato, o fin de festa está fixado para as 20:00 horas deste luns en Mugartegui, onde o Concello ofrecerá unha recepción oficial ao equipo.