Campelo foi escenario a fin de semana do Dúatlon Concello de Poio, que na súa sexta edición poñía en xogo ademais o Campionato Xunta de Galicia da especialidade.
A competición absoluta discorreu desde o paseo de Lourido cun tramo de carreira a pé de 5.000 metros (dúas voltas ao circuíto deseñado), seguindo despois con 18 quilómetros de ciclismo e terminando con 2.500 metros a pé de novo en Lourido.
Un percorrido no que destacaron triatletas que se atopan preparando a tempada de verán, como é o caso de Sara Guerrero (AD Náutico Narón), vencedora da proba absoluta feminina cun tempo de 1:09:41 e con máis dun minuto de vantaxe sobre a segunda clasificada, Elsa Pena (Cidade de Lugo Fluvial). O podio completouno en terceira posición Eva Piñel (Club Deportivo Delikia).
Más apertada foi a carreira absoluta masculina, na que se impuxo o sub-23 Andrés Prieto (AD Fogar) cun tempo de 58:22 e só 8 segundos de vantaxe sobre Iván Puentes (Tríatlon Ferrol). Terceiro foi Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial) a 23 segundos.
Ademais do campionato autonómico, o Dúatlon Concello de Poio acolleu ademais a I Copa Galicia de Veteranos.