Sara Cortegoso, Iván García e Arlet Ortiz, ouros pontevedreses no Nacional de taekwondo

Pontevedra
03 de febreiro 2020

Os deportistas do Mace Sport Pontevedra e o Mat's marinense colaboraron na medalla de prata que levou por equipos a Selección Galega na competición celebrada durante a fin de semana en Torrelavega

Iván García (centro) no podio do Campionato de España de Taekwondo Federación Galega de Taekwondo

Destacado papel o protagonizado polo taekwondo pontevedrés no Campionato de España de Combate celebrado a fin de semana na localidade cántabra de Torrelavega.

Galicia conseguiu a medalla de prata na clasificación xeral por equipos e o ouro na clasificación feminina, un éxito no que xogaron un papel decisivo Sara Cortegoso (Mace Sport), Arlet Ortiz (Mat's) e Iván García (Mat's) con senllas medallas de ouro.

Cortegoso proclamouse campioa nacional na categoría de -46 quilos despois de vencer nos seus tres combates. No primeiro superou á balear Selena Ortega (20-10), en semifinais eliminou á valenciana Blanca Calvo (32-11) e na final gañou á tamén valenciana Noelia Grau (21-14).

Este resultado permite á pontevedresa sumar uns importantes puntos no ranking nacional e distanciarse das súas principais rivais para a clasificación para o Campionato de Europa Absoluto, principal obxectivo na súa tempada.

Arlet Ortiz pola súa banda levou a medalla de ouro en -57 quilos vencendo de forma clara nos seus catro enfrontamentos. Superou por esta orde á castelán-leonesa Arene Rementería (20-0), a navarra Alison Forgan (8-4) e á andaluza Andrea Teodora (22-4) ata chegase á gran final, onde se impuxo á madrileña Pilar Martín.

Por último Iván García conseguiu a única medalla de ouro galega nas probas masculinas, no seu caso no peso pesado. En primeira rolda desfíxose do andaluz Moisés Herrera (17-4), mentres que no seu seguinte combate venceu ao campión de España de 2019, o aragonés Antonio Artal (3-1). Xa na semifinal superou ao catalán Chang (27-10) plantándose nunha final na que venceu ao tamén catalán Genis Gisbert (17-10).