Sanxenxo imponse a O Grove e logra a chegada da primeira etapa de La Vuelta 2013

Sanxenxo
19 de novembro 2012

A contrarreloxo por equipos que sairá desde unha batea situada no porto de Vilanova de Arousa finalizará na Praza do Mar, á beira do Porto Deportivo Juan Carlos I. Será o 24 de agosto. E para esta chegada, os organizadores da proba buscarán "a mesma espectacularidade" que na saída

Caravana ciclista durante a etapa de 2012 que finalizou en Sanxenxo

Sanxenxo é finalmente o lugar elixido como meta da primeira etapa da Vuelta Ciclista a España 2013. A contrarreloxo por equipos que sairá desde unha batea situada no porto de Vilanova de Arousa finalizará na Praza do Mar, á beira do Porto Deportivo Juan Carlos I. Será o 24 de agosto. E para esta chegada, os organizadores da proba buscarán "a mesma espectacularidade" que na saída.

Esta primeira etapa sairá ás 19:00 horas desde a batea en Vilanova de Arousa, unha saída con certa complexidade técnica, como recoñecen desde La Vuelta. Terá entre 20 e 30 quilómetros e un dos seus pasos máis importantes será pola praza de Fefiñáns, en Cambados. Xa en Sanxenxo, os ciclistas avanzarán por Vilalonga, Portonovo e Sanxenxo, onde atravesarán o emblemático paseo da praia de Silgar.

O Grove, que se posicionou tamén como meta desta primeira etapa da proba, terase que conformar con que a caravana ciclista atravese o municipio na segunda etapa, a que finalizará, o domingo 25 de agosto, en Vilagarcía de Arousa. Pero cobra forza a posibilidade de que a presentación oficial da proba se realice na terraza exterior do Gran Hotel de La Toja, que conta con embarcadoiro e que reforzaría esta relación da edición de 2013 co mar.

Esta segunda etapa é unha das dúas etapas, das catro que se celebrarán na provincia de Pontevedra, que aínda non desvelou o seu punto de partida. Ademais de por O Grove, pasará pola cidade de Pontevedra, como xa se anunciou no seu día, e finalizará en Vilagarcía de Arousa. Concretamente, na contorna do Monte Lobeira. Serán 1,6 quilómetros que se prevén de gran espectacularidade e interese para os afeccionados.

E a segunda novidade chega da man de Baiona. Este concello do Baixo Miño acollerá a chegada da terceira etapa, a que o luns 26 de agosto sairá de Pontevedra. O lugar elixido é o miradoiro do Cortelliño, situado na Serra da Groba, desde onde se divisan as rías de Vigo, Pontevedra e ata a de Arousa, se o ceo está despexado. Trátase dunha etapa que pasará, entre outros lugares, por Nigrán e Gondomar.

A Deputación e Unipublic manteñen reunións periódicas de traballo para ultimar e organizar cuestións relativas aos itinerarios, espazos, lugares de presentación e todos os detalles que levan a organización dun evento deportivo destas características. "Hai percorridos que están definidos máis ou menos, faltan saídas e chegadas por definir pero o que buscamos e a mellor promoción posible das Rías Baixas, tendo en conta tamén que os itinerarios teñen que ser compatibles cos aspectos técnicos que esixe a organización".