Terceira baixa confirmada no Pontevedra Club de Fútbol e nova fichaxe para o Arosa. Todo nun na mesma operación.
Santi Figueroa cambia o estadio de Pasarón polo da Lomba para sumarse ao reto de ascender a Segunda RFEF co cadro arlequinado, no que volverá atoparse co que foi o seu adestrador na casa granate, José Luis Míguez 'Luisito'.
O lateral pontevedrés, que acaba a súa etapa sub-23, ponse un reto na nova etapa que comeza, o de "tratar de explotar e demostrar todo o meu nivel", sinalou en declaracións ao conxunto de Vilagarcía.
Figueroa asegura estar "con moitísimas ganas de empezar" e a pesar de baixar unha categoría móstrase feliz de aterrar en "un equipo con obxectivos ambiciosos".
A súa chegada ao Arosa prodúcese tras un acordo a tres bandas entre ambas as entidades e o propio futbolista polo que o Pontevedra se garda unha "opción de recuperación" sobre a súa canteirán, segundo confirmaron desde as oficinas de Pasarón.
Desde o seu ascenso ao primeiro equipo granate, Santi Figueroa xogou 26 partidos en Segunda B e Segunda RFEF, 20 deles como titular repartidos entre as tres últimas tempadas, experiencia á que suma un ano en Terceira División co Céltiga.