Samuel Piette, baixa de última hora no Racing de Ferrol para o choque ante o Pontevedra

Pontevedra
25 de setembro 2015

O futbolista foi convocado a unha concentración coa selección olímpica de Canadá. Miguel Ángel Tena tampouco poderá contar con Héber Pena, lesionado  

Samuel Piette nun partido co Racing de Ferrol

Non será o Pontevedra o único equipo que afrontará con baixas o derbi deste sábado (18:00 horas, TVG2) na Malata ante o Racing de Ferrol.

O conxunto ferrolano completou este venres o seu último adestramento coa noticia da ausencia de última hora de Samuel Piette.

O futbolista canadiense foi convocado pola selección olímpica do seu país para xogar o vindeiro xoves, 1 de outubro, un partido ante Estados Unidos.

Piette únese así na lista de ausencias a Héber Pena, lesionado, sendo os dous únicos xogadores do Racing que non entraron na convocatoria de Miguel Ángel Tena.

O que si está entre os citados é Marcos Álvarez, recuperado do golpe que lle fixo abandonar antes de tempo o primeiro adestramento da semana.