Samu Santos, novo reforzo para a zaga do Arosa

O Salnés
02 de xullo 2024

O central vigués Samu Santos é a nova incorporación ao proxecto deportivo do Arosa para a tempada 2024-2025. Foi presentado este martes no campo da Lomba

Samu Santos, na súa presentación como xogador do Arosa Arosa SC

O central vigués Samu Santos é a nova incorporación ao proxecto deportivo do Arosa para a tempada 2024-2025. Foi presentado este martes no campo da Lomba.

"Creo que é un gran paso para min vir a un club tan grande como o Arosa", destacou o xogador, que chega a Vilagarcía procedente do RC Celta C Gran Peña.

Subliñou que o do Arosa será un proxecto "moi ilusionante" e mostrouse convencido que dentro da categoría "seremos un dos equipos fortes que pelexará por todo".

O defensa, que cumprirá 24 anos en agosto, antes de xogar no Gran Peña estivo unha tempada no Arenteiro e outra no Pontevedra. Formouse nas categorías inferiores do Choco, equipo co que debutou en Terceira División con dezasete anos; e do Alondras.

Na súa presentación, Santos destacou que un dos seus puntos fortes "é que son un central grande ao que lle gusta os duelos, xogar na área e ter a pelota", ademais do seu xogo aéreo e a súa contundencia, polo que considera que será un bo reforzo para a zaga do Arosa.

Con respecto ao que agarda para esta tempada, o xogador asegurou que a chave será formar un grupo "bo e san", para conseguir que "cando veñan malos momentos nos apoiemos uns aos outros".