Samu Araújo prolonga por un ano o seu contrato co Pontevedra

Pontevedra
04 de xullo 2022

O lateral vigués, que contaba cunha opción para continuar vestindo de granate, convértese na cuarta renovación confirmada pola entidade pontevedresa para a súa estrea na Primeira RFEF

Samu Araújo, no partido entre Navalcarnero e Pontevedra no Estadio Mariano González
Samu Araújo, no partido entre Navalcarnero e Pontevedra no Estadio Mariano González / Mosrey Fotografía

Cuarta renovación confirmada no Pontevedra Club de Fútbol, que avanza aos poucos na planificación do plantel para a súa estrea na Primeira RFEF.

Non perderá ese reto Samu Araújo, que prolongou a súa vinculación co club granate por unha tempada máis.

O lateral vigués contaba cunha opción para seguir, do mesmo xeito que Javi Rey, aínda que no caso do centrocampista o seu destino será finalmente o Real Avilés.

No seu primeiro ano en Pasarón, Araújo foi de menos a máis participando en 26 encontros, 25 deles como titular aínda que sendo sustituído en 14 partidos.

Desta forma o lateral zurdo únese a unha lista de renovacións na que xa figuraban Álex González, Yelko Pino e Oier Calvillo. Todos eles engrosan a lista de futbolistas do Pontevedra con contrato, estando asegurada a continuidade de homes importantes como Charles, Rufo, Brais Abelenda, Churre, Miguel Román ou Cacharrón, entre outros.