En 2021 o Grupo Deportivo Supermercados Froiz cumprirá a súa 33ª tempada no pelotón ciclista nacional elite e sub-23, todo un exemplo de lonxevidade con poucas comparacións posibles. Con todo esa traxectoria non impide seguir pensando en mellorar ano a ano, tanto no deportivo como na súa estrutura.
Así, esta campaña será a da estrea da nova sede do equipo alimenticio, xunto á Praza de Touros de Pontevedra, tras acondicionar un antigo taller de reparación de ventás de vehículos.
"Para o meu isto era un soño, o Froiz merecía ter un local como este", recoñece o seu director, Evaristo Portela, lucindo orgulloso a súa nova casa, que non sería posible "sen o apoio do señor Magín e de José Froiz". Con semellante respaldo e este novo investimento parece demostrado que a súa relación de amor co ciclismo ten aínda corda para longo.
É unha oficina onde planificar cada detalle, espazo para as dúas furgonetas acondicionadas para as carreiras, para os dous coches do equipo e por suposto para as bicicletas, alimentación e material deportivo, ademais dunha zona de traballo para reparar as súas máquinas de competición. É o que ofrece unha sede que "é unha grande imaxe para o equipo Froiz e para os spónsors", sinala Portela, porque "nos dá axilidade, unha boa organización e unha comodidade tremenda. Ter todo ben ordenado, os alimentos por caducidades, un control grande de todo o material... pero sobre todo imaxe".
Todo un salto de calidade para unha estrutura que ten a súa actividade no mal chamado campo 'amateur', e é que ata 25 persoas forman parte do seu plantel fixo, con 18 ciclistas aos que se suman o propio director, o seu lugartenente Manolo Rodríguez Gil; o tamén director deportivo José Ángel Vidal; Ana Portela como directora deportiva, nutricionista e responsable de comunicación; Hugo Saúl Rodríguez como masaxista; Rubén Villasenín como mecánico e Pablo Berea como responsable das fichaxes. "Hugo é o que que máis leva comigo, 31 anos, e Rubén leva 22", explica Evaristo Portela sinalando que "ademais temos a algúns mozos de fóra para cando dobramos carreiras".
Por todo iso é difícil falar do Froiz como unha escuadra 'afeccionada', e é que "non somos un equipo profesional na licenza, pero no traballo si", defende Portela, porque "o único que nos falta é ter a licenza e diñeiro, pero pódoche garantir que en traballo e en imaxe somos un equipo profesional. Vivimos o ciclismo como o fai calquera equipo profesional. Con máis paixón que nós non creo que haxa moitos", asegura.
APRAZAMENTO DO INICIO DA TEMPADA
A visita guiada pola nova sede do Grupo Deportivo Supermercados Froiz coincide cunha semana na que se confirmou o aprazamento das primeira probas da Copa de España, que tiña previsto comezar o 28 de febreiro no Circuito do Guadiana, en Estremadura, e seguir o o 7 de marzo co Trofeo Guerrita.
"Non nos cambiou moito o plan, pero vai vir todo máis concentrado", recoñece o director do Froiz, xa que "os nosos corredores estaban xa adestrando para estar fortes en abril, non en febreiro" pensando en que algo así podía pasar.
De todos os xeitos, aínda que consiga poñerse en marcha a campaña a finais de marzo ou xa en abril "mentres non chegue a vacina isto vai ser ir día a día", explica, polo que hai que adaptarse e sobre todo non baixar os brazos na preparación, unha filosofía que encaixa perfectamente co afán de superación que defende desde a súa creación o equipo alimenticio. E os anos que quedan.