Saleta Castro, subcampioa de España nunha xornada de festa para o tríatlon pontevedrés

Pontevedra
25 de agosto 2018

A triatleta pontevedresa finalizou no segundo posto no Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia celebrado este sábado en Pontevedra. O tudense Gustavo Rodríguez proclamouse campión na competición masculina

Saleta Castro, no Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia
Saleta Castro, no Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia Paula Sanmartín

Pontevedra vibrou este sábado coa emoción do tríatlon grazas á disputa do Campionato de España de Longa Distancia, e apoiando para empuxar a unha das súas veciñas cara ao podio de honra.

Partía Saleta Castro como unha das grandes favoritas á vitoria na casa na categoría feminina, e a pontevedresa non defraudou ás expectativas conseguindo a medalla de prata ante os seus amigos, familiares e afeccionados que seguiron a proba ao longo das súas máis de 6 horas.

A carreira, que estreaba o circuíto no que se competirá no Mundial de 2019, comezou ben cedo, ás 9:00 horas, coa saída da deportistas elite desde a contorna da ponte dos Tirantes. Por diante 3.000 metros de natación nos que dominou Helene Alberdi con algo máis dun minuto sobre as súas inmediatas perseguidoras, a propia Saleta Castro e a catalá Anna Noguera, defensora do título.

Tras a primeira transición foi precisamente Noguera a que tomou o mando ao comezo dos 116 quilómetros de ciclismo para xa non soltalo ata o final. Saleta mantíñase preto en segunda posición, pero co paso dos quilómetros a distancia íase ampliando. Cos postos consolidados na última transición, a deportista catalá non afrouxou o ritmo e confirmou o seu dominio nos 30 quilómetros de carreira a pé chegando a meta cun tempo de 6 horas, 25 minutos e 1 segundos.

Detrás chegaría a figura local, para levar o segundo posto tras 6 horas, 34 minutos e 36 segundos de esforzo, completando o podio Dolça Olle (6:49:00).

GUSTAVO RODRÍGUEZ, VENCEDOR EN CATEGORÍA MASCULINA

Tamén un deportista da provincia, neste caso o tudense Gustavo Rodríguez, foi protagonista da xornada ao proclamarse en Pontevedra campión de España de longa distancia.

Sen Pablo Dapena na liña de saída para defender a súa coroa nacional, centrado na preparación do próximo europeo, Gustavo tirou de autoridade e experiencia para levar o título. Conseguiu saír preto da cabeza tras a natación, e rompeu a carreira no sector ciclista para marchar en solitario e alcanzar preto de 5 minutos de renda.

O deportista de Tui tivo con todo que sufrir no tramo final para conservar a distancia coa aparición de cambras, pero logrou sobrepoñerse para chegar á liña de meta situada no Centro Galego de Tecnificación Deportiva cun tempo de 5 horas, 47 minutos e 47 segundos, con case tres minutos sobre Ander Okamika (5:50:46), sendo o terceiro posto para Pello Osoro (5:54:01).

A xornada completárona os deportistas inscritos nos Grupos de Idade no open de Aquabike para converter as rúas da Boa Vila nunha oda ao tríatlon durante boa parte da xornada.