Saleta Castro remata cuarta, a menos de 3 minutos do podio, no duro Ironman Lanzarote

Pontevedra
26 de maio 2018

Unha espectacular carreira pedestre permitiu á pontevedresa estar moi preto dos tres primeiros postos. A vitoria foi para Lucy Gossage cun tempo de 09:49:27. No apartado masculino, o galego Iván Raña lograba o segundo posto

Iván Raña e Saleta Castro Saleta Castro vía Twitter

A triatleta Saleta Castro participaba este sábado no Ironman Lanzarote e a punto estivo de lograr subirse ao podio nunha durísima proba. A pontevedresa arrincaba cun tempo de 56.02 no segmento acuático, que a situaba en cuarta posición.

Con todo, na bicicleta pasaba a situarse en oitava praza sufrindo neste sector da competición. Pero na última parte da proba, Castro volvía demostrar a súa calidade no tramo pedestre logrando o mellor parcial feminino e recuperando outra vez a cuarta posición. Por menos de tres minutos non alcanzou a  Nikki  Bartlett, que levaba o terceiro posto mentres que  Vesterby lograba o segundo e a vitoria era para Lucy  Gossage cun tempo de 09:49:27.

Na proba masculina, o galego Iván Raña realizou unha proba sorprendente e conseguía subir ao podio na segunda posición cun tempo de 08:58:37 nunha das probas míticas da longa distancia.

Nesta edición inscribíronse 1.744 triatletas con 31 triatletas PROL masculino, 17 triatletas PROL feminino, coa presenza de  Saleta Castro, e 3  Paratriathletas.