Saleta Castro correrá o Nacional de Longa Distancia de 2018 e o Mundial 2019 en Pontevedra

Pontevedra
03 de outubro 2017

Esa é polo menos a intención da triatleta pontevedresa, que este martes foi obxecto dunha recepción oficial no Concello. O seu próximo reto, para finalizar o ano, será o Ironman de Malaisia en novembro, onde espera empezar a sumar un bo número de puntos para o ránking de clasificación do Mundial de Hawaii de 2018

Recepción a Saleta Castro no Concello de Pontevedra Mónica Patxot

Gañar o seu primeiro Ironman, algo que logrou o pasado mes de agosto en Maastricht facendo historia no tríatlon pontevedrés, era o gran obxectivo da tempada para Saleta Castro, pero a triatleta non se conforma con iso e xa pensa con ambición no seu futuro próximo.

Saleta foi recibida este martes de maneira oficial no Concello tras o seu recente éxito, e confirmou que ten previsto participar en 2018 no Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia que se celebrará en Pontevedra, previo paso a tomar parte tamén no Mundial da especialidade incluído no ITU Multisport Festival que a Boa Vila acollerá en 2019.

"Faime moitísima ilusión, é un soño poder competir na casa case na miña distancia", sinalou a deportista do Itzu Tri Team tras reunirse co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.

Lores declarou sentirse "orgulloso" dos logros de Saleta Castro, e avanzou que traballan nun convenio de patrocinio para que a triatleta "leve o nome de Pontevedra" nas súas competicións internacionais, concretamente promocionando os mundiais de 2019.

A nivel deportivo, tras renunciar a tentar repetir este ano no Campionato do Mundo de Hawaii, Saleta está agora "centrada 100%" en lograr o seu billete para Kona do próximo ano, para o que tentará sumar importante puntos no seu último Ironman do ano, o que se disputará en Malaisia o próximo 11 de novembro.

Aínda que xa empezou a cultivar puntos no recente Ironman 70.3 de Cascais, a de Malaisia será a primeira cita importante de fronte ao ránking de clasificación do Mundial, nunha carreira na que o obxectivo será subir ao podio.

Os plans de Saleta pasan por lograr o pase para Hawaii completando tres Ironman, o do próximo novembro xunto ás probas de Sudáfrica (15 de abril) e Frankfurt (8 de xullo), que ademais será Campionato de Europa da especialidade. As contas nesas probas, ao ser de máxima categoría, pasan por clasificar entre as sete primeiras para poder sumar os puntos necesarios que lle permitan repetir presenza na proba máis prestixiosa do planeta no tríatlon de longa distancia.