Sábado de balonmán en Pontevedra: Cisne e Teucro queren seguir invictos no 2020

Pontevedra
17 de xaneiro 2020

Os brancos reciben ás 17.30 horas no  CGTD ao  Handbol  Bordils, mentres que os azuis esperan ás 20.30 no Municipal ao  Cajasur de Córdoba

Partido entre Teucro e Atlético Novás no Pavillón Municipal Diego Torrado

Tarde de balonmán en Pontevedra a deste sábado con dous partidos consecutivos dos dous equipos da cidade. O Cisne recibe ao Handbol Bordils ás 17.30 horas na cancha de CGTD e o Teucro, ao Cajasur de Córdoba, ás 20.30 horas no Municipal. A vitoria é o obxectivo de ambos. Os brancos quérena para afianzarse aínda máis no liderado e os azuis, para pechar unha convulsa primeira volta en postos de playoff.

"Non nos podemos relaxar se queremos sumar de novo en casa. Na clasificación están abaixo pero non perderon ningún partido de máis de tres goles", advirte Quiños, o segundo adestrador do Cisne, sobre o rival do sábado que marcha en décimo tecera posición con 12 puntos no seu haber. Nun sentido similar pronúnciase Luís Montes sobre o Cajasur. "Entre a zona de ascenso e descenso hai catro puntos, están a catro puntos de nós, o que fala da igualdade da categoría", remarca o adestrador teucrista.

Aínda así, no vestiario de ambos os conxuntos son sabedores de que son favoritos e este sábado non se conformarán con outra cousa que non sexa a vitoria. "Contan cun sete inicial moi bo, con moita experiencia na categoría. Quizais o problema o téñen nas rotacións, pero está claro que ningún equipo conseguiu gañarlles fácil", expón o técnico branco. "Fóra de casa non se están mostrando tan forte como locais, pero recuperan a Andrés Moyano, que será moi importante para eles", subliña Luís Montes que espera que os seus xogadores ofrezan no Municipal a mesma boa imaxe que esta campaña están a ofrecer a domicilio.

O feito de conseguir gañar na cancha do Alarcos, na que non gañara ningún visitante ata a visita do Teucro, subiu a moral e a confianza do plantel azul. "Necesitabamos a vitoria, ningún equipo roto e en descomposición gañaría en Ciudad Real", espetou Montes para resarcirse das críticas que recibira o equipo nas últimas semanas despois da marcha dos serbios Perovic e Bojicic. "O vestiario creceuse e os canteiráns están a axudar".

Co impulso do último triunfo, os azuis esperan demostrar dunha vez por todas o seu verdadeiro nivel diante do seu público, para o que o adestrador pontevedrés aproveitou para pedir apoio á inchada. "Se todos botamos unha man e se o público presiona ao contrario, aos árbitros e anímanos, axudarannos", afirmou Montes, que só dispón de nove xogadores de campo do primeiro equipo, polo que volverá botar man da canteira e da última fichaxe, Adrián Freiría, para completar a rotación do equipo. 

Recoñeceu ademais que polo momento descartan realizar fichaxes, pero a dirección deportiva permanece moi atenta ás oportunidades que poida brindar o mercado.