Con toda o plantel e a mochila cargada de ilusión. Así partiu este venres a expedición do Pontevedra Club de Fútbol rumbo a Manzanares, onde o sábado (18:30 horas) disputará a ida da semifinal polo ascenso a Segunda B.
Os xogadores granates recoñecen estar recuperados anímicamente da eliminación sufrida ante o Mensajero e "con muchas ganas" de devolverlle á afección o tremendo apoio recibido nas últimas datas.
Así o declarou Pablo Carnero ao finalizar o último adestramento, no Estadio Municipal de Pasarón, poucos minutos antes de subir ao autocar rumbo a Ciudad Real, onde o equipo ten previsto pasar a noite.
O dianteiro completou co grupo a sesión e malia as molestias que sofre, derivadas dunha sobrecarga muscular, non está descartado para o choque, ao contrario que os lesionados Adrián, Bruno e Benja.
No caso de Adrián a ecografía á que foi sometido revelou unha pequena rotura muscular, polo que está descartado para esta eliminatoria pero non para a próxima se o Pontevedra logra seguir adiante. Caso similar é do Benja, que evoluciona favorablemente e empeza a reicorporarse ao grupo.
Centrados no que se vai encontrar en Pomares, os xogadores granates valoran o apoio dos case 100 afeccionados que lles acompañarán e quitan importancia ao terreo de xogo sintético porque "entrenamos todos los días en hierba artificial, lo hemos hecho casi toda la temporada, así que tampoco será mucho problema para nosotros", declarou Carnero.
Luisito fixo especial fincapé nas accións a balón parado para frear o principal argumento ofensivo do Manzanares, sen descoidar as accións de ataque do seu equipo coa intención de regresar de Ciudad Real cun resultado favorable.
Por parte do cadro manchego, Guillermo Alcázar está pendente do estado físico de Pirri, pero todo apunta a que tanto el coma Kevin causarán baixa no partido de ida.
O PARTIDO DE VOLTA, O SÁBADO 13 DE XUÑO
Por outra banda, segundo confirmou este venres o Pontevedra, o partido de volta da eliminatoria disputarase no Estadio Municipal de Pasarón o próximo sábado 13 de xuño ás 20:00 horas.