Romay pasará polo quirófano a próxima semana

Pontevedra
09 de decembro 2020

O Pontevedra Club de Fútbol revelou este mércores o informe médico en relación á lesión de xeonllo do centrocampista, confirmando que ademais da rotura do ligamento cruzado rompeu o menisco e sofre afectación no ligamento lateral interno do seu xeonllo

Romay, no amigable entre Coruxo e Pontevedra e O Vao Coruxo FC

Manuel Romay xa sabe a que se enfronta, cunha lesión que conta cunha maior afectación que a inicialmente recoñecida e que xa era de gravidade, a rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo dereito.

O informe médico revelado este mércores 9 de decembro polo Pontevedra Club de Fútbol confirma que ademais do cruzado, o centrocampista granate rompeu o menisco e conta con afectación no ligamento lateral interno. Só o feito de non romperse por completo este último ligamento separa ao futbolista da temida 'triada', unha das peores lesións ás que se pode enfrontar un xogador de fútbol.

"As probas de imaxe realizadas, confirman unha rotura completa de ligamento cruzado anterior (LCA) e lesión engadida de ligamento lateral interno (LLI) e rotura do menisco interno", sinala o citado informe.

O club confirma ademais que a previsión é que Romay se someta á obrigada cirurxía a próxima semana, antes por tanto das festas do Nadal, para poder empezar canto antes a conta atrás para o seu regreso.

Os servizos médicos do Pontevedra sinalan que "a baixa deportiva será de longa duración", un período que para estes casos se sitúa entre os 6 e os 8 meses.