Agora si Manuel Romay empeza a descontar os días para regresar aos terreos de xogo, despois de lesionarse de gravidade nun adestramento do Pontevedra.
O centrocampista coruñés foi intervido cirurxicamente este martes no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez para solucionar a rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo dereito, lesión que se produciu nun lance de carreira nunha sesión de preparación.
Segundo confirmaron os servizos médicos do club granate a cirurxía completouse "sen complicacións", realizándose ademais da implantación dunha plastia autóloga en substitución do ligamento unha reparación do menisco, tanto externo como interno.
Romay foi intervido polos doutores Barragáns Muñiz e Costas Pajariño.
Unha vez sometido á operación, o seu período de baixa oscilará entre os 6 e os 8 meses en función da súa evolución, situando como obxectivo do futbolista conseguir unha recuperación plena para iniciar nas mellores condicións a próxima tempada.