Romay e Rufo, descartados para Langreo: "A dinámica do equipo é boa e permítenos ser prudentes"

Pontevedra
02 de decembro 2021

O técnico do Pontevedra, Ángel Rodríguez, prefire ser prudente no regreso dos futbolistas lesionados para minimizar o risco de recaídas. No caso de Romay, ao persistir as molestias musculares que arrastraba e tras realizarlle máis probas, diagnosticóuselle unha microrrotura muscular

Romay, adestrando co Pontevedra CF en Pasarón Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol non correrá riscos cos seus lesionados, e aínda que no caso de Rufo podería estar a asomar xa a cabeza nas  covocatorias de ser necesario, seguirá á marxe para superar por completo a súa doenza no nocello.

Así o asegurou este xoves o técnico granate, Ángel Rodríguez, revelando que os problemas musculares que arrastra desde hai dúas semanas Romay, e que nun inicio fora diagnosticados como unha sobrecarga, son finalmente algo máis importantes. En concreto ao centrocampista realizáronselle novas probas, mediante unha ecografía, que revelaron unha microrrotura muscular, polo que a súa presenza na convocatoria desta fin de semana para visitar o Langreo está descartada.

"Non queremos forzar a situación dun xogador que no canto de telo parado 10-15 días podiamos telo un mes e medio", defendeu Rodríguez, aínda que avanzando que a previsión é que "partir do mércores empezará seguramente a adestrar co equipo con total normalidade".

Caso distinto é o de Rufo, que segue exercitándose en solitario pero que "seguramente noutras condicións teríamos forzado a situación para poder telo", recoñece o adestrador granate.

Con todo "a dinámica do equipo é boa e permítenos ser prudentes. Penso que o temos que ter na segunda volta a tope e non forzar se o equipo vai ben como vai ata o de agora", asegurou.

Ademais de Romay e Rufo, tamén segue á marxe do grupo o canteirán Iñaki Martínez.