Máis dun mes despois de que finalizase a tempada, hai un futbolista do Pontevedra que segue traballando arreo priorizando o seu regreso aos terreos de xogo por encima das vacacións. Trátase de Manuel Romay, un dos homes que contaban con contrato en vigor para a próxima campaña e que recibiu estes días a noticia que tanto tempo esperou.
O centrocampista de Malpica ten oficialmente a alta médica tras pasar revisión co doutor o 30 de xuño, e sete meses despois de romper o ligamento do seu xeonllo dereito volve sentirse futbolista.
"Vai todo moi ben", recoñece sobre a súa recuperación engadindo que "desde que acabou a tempada empecei pola miña conta cun recuperador e os resultados están a ser moi bos". Tanto é así que se ve ao 100% para o principio da competición. "Se non hai ningún problema estarei listo para o inicio da liga, seguro", revela con confianza superada a primeira lesión grave da súa carreira.
Aínda así o proceso de posta a punto non concluíu e "por non forzar seguramente a primeira semana da pretempada non empece facéndoo todo, pero realmente é máis por precaución que por outra cousa", asegura, xa que "fisicamente véxome moi ben".
Romay: "Fisicamente véxome moi ben. Vou chegar xusto con nove meses de recuperación, que din que é o óptimo"
O feito de que a liga comece o próximo curso tan tarde, o 5 de setembro, ata o beneficia, porque "vou chegar xusto con nove meses de recuperación, que din que é o óptimo". Unha alegría para o Pontevedra, que ten en Romay a toda unha 'fichaxe' de altura para o reto que se lle presenta, tentar ascender.
"Todos pensabamos que iamos estar en Primeira RFEF", recoñece o futbolista sobre unha pasada tempada que concluíu en decepción e tentando esquecelo canto antes para centrarse no futuro, no que "ser primeiro é o obxectivo que lle vexo ao equipo que hai por agora, pero hai que ser cautos e non vender a pel do oso antes de cazala", advirte, porque por experiencia "hai que ser máis cautos que outros anos e cada vez que non somos cautos levámonos unha hostia. Ademais non só sobe o primeiro", sinala.
O que ten claro o granate antes do que será o seu cuarto ano en Pasarón é que "sen a afección non teríamos quedado tan abaixo, iso seguro". Por iso ante a nova campaña e a pesar de estar na cuarta categoría nacional "espero que como ata o de agora se gañamos un par de partidos se enganchen connosco".
Romay quixo agradecer o apoio dos seguidores e tamén o mostrado polo club durante todos estes meses. "Desde o principio transmitíronme a súa confianza e que son importante, pero non queren que me precipite".
A dous meses de que a competición baixe o pano, o seu regreso é unha das mellores noticias que podía recibir a parroquia granate.